O alcalde considera unha “grande axuda” a suspensión das regras fiscais
Ourense é a cidade de España que conta cun maior remanente de crédito por habitante
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. manifestou a súa satisfacción pola aprobación da suspensión das regras fiscais para os exercicios 2020/2021. Considera que será “unha grande axuda” para a cidade de Ourense posto que o Concello conta cun gran remanente de crédito, o que máis ten en relación por habitante en todo o Estado.
O Pleno do Congreso dos Deputados vén de suspender os obxectivos de estabilidade e deuda, así como a regra de gasto, tras aprobar por maioría absoluta o 20 de outubro o acordo do Consello de Ministros polo que se solicitaba ao Congreso dos Deputados a apreciación de que España está sufrindo unha pandemia, o que supón unha situación de emerxencia extraordinaria, co fin de aplicar a previsión constitucional que permite en estes casos superar límites de déficit estructural e de débeda pública.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, que participou xunto a alcaldes doutras cidades do Estado nesta iniciativa amósase satisfeito pola suspensión temporal das regras fiscais, de forma que se permita facer uso dos remanentes acumulados cos que conta o Concello naqueles proxectos e políticas que precisa a cidade. “Esta é unha das reivindicacións que fixemos moitos alcaldes de España, entre eles eu, nunha reución telemática que tivemos hai mes e medio; é unha ledicia que esta petición fose concedida e agardamos que redunde nos cidadáns de Ourense”, di o alcalde.
Esta decisión do Pleno do Congreso vai supoñer unha gran axuda para os concellos que contan con remanente, de feito, recalca o alcalde, o Concello de Ourense é o que máis remanente de crédito ten en relación cos habitantes de todo o estado español”, co cal, poder dispoñer destes fondos “para nós é moi importante porque temos moitas modificacións de crédito aprobadas e querémolas pór en circulación no ano 2021”, conclúe.