Máis de 60 profesionais coñeceron a calidade dos produtos enogastronómicos ourensáns a través do showcooking organizado polo Inorde no marco da 39ª edición de Salón Gourmets. Baixo o título “Maridaxe gourmet: esencia da provincia de Ourense” o chef Paco Gómez, especialista en gastronomía tradicional galega, e en representación da Asociación de Amigos da Cociña Galega, foi o encargado de preparar os pratos elaborados cos produtos das empresas que están a participar no stand da provincia.
No showcooking ofreceron aos profesionais ceviche de polbo con leite de tigre xeado de mango de La Central, pinsa de Rural Baker de polbo con grelos de Mar e Terra e Queixos de Sabores de Trevinca, e de postre galletas Pitucas de manteiga de vaca e bocado de bica de castaña de Sofragal con marmelada de arándanos de Trevinca e Coctel de Ginebra Rosé de Bravú. Estes pratos foron maridados cos viños de Siah Blanco, De Vagar e Celme.
A participación neste feira ten como obxectivo promover accións que impulsen os produtos agroalimentarios que xeran valor engadido ao territorio, facilitándolles ademais aos pequenos produtores ourensáns novas plataformas de promoción e canles de comercialización.
10 microempresas no stand da provincia de Ourense
As empresas que están como coexpositores no stand da provincia de Ourense en Salón Gourmets 2026, ubicado no Pavillón 6 stand 6B30, pertencen a diferentes sectores agroalimentarios e están promocionando os seus produtos ata o 16 de abril.
Nesta ocasión, os viños ourensáns volverán a ter un papel destacado da man das empresas: Adegas Celme de Castrelo de Miño coa súa mostra de viños e vermús ecolóxicos, Montebello Partnerw de Ourense con viños e destilados galegos, Vinos Siah da empresa Isabel Salgado Family Estate de Leiro, e Bodegas SGS Ourense (Dvagar) tamén de Leiro
No apartado doce estarán os xeados artesáns de La Central Heladera de Ourense, as galletas “Pitucas” de Burgano Delicatessen de Ourense, ou as bicas de castaña da cooperativa Sofragal de Nogueira de Ramuín.
Por último, exporán as súas conservas e patés gourmet a empresa Mareterra Conservas de Esgos, as masas da empresa Crust and loaf (La Pinsa di Nico) de San Cristovo de Cea, e a Asociación Sabores de Trevinca da Veiga promocionará produtos locais como a faba loba, queixos e mel, entre outros.

