OUFF

“Mar de Terra” inaugura unha “potente” nova edición do OUFF

O documental sobre o Entroido en Ourense e Lugo conta con música orixinal composta por Kepa Junkera, que tamén protagoniza a cinta. O cineasta ourensán Xavier Bermúdez recibirá o premio Calpurnia de Honra na gala inaugural.

ondacero.es

Ourense |

ouff | onda cero ourense

A 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) arranca este xoves coa estrea de “Mar de Terra”, o documental no que o músico Kepa Junkera achéganos dende unha perspectiva “humana e sincera” algúns dos entroidos máis coñecidos de Ourense e Lugo. A película, dirixida polo ourensán José Antonio Blanco e con guión e música do propio Junkera, proxectarase durante a gala inaugural que dará comezo ás 21:00 horas, este xoves, no Auditorio Municipal de Ourense. A actriz ourensá Ledicia Sola será a encargada de presentar a gala.

A intérprete é coñecida polos seus papeis nas series de televisión “Os atlánticos”,“O nordés” ou “Gran reserva”, así como pola súa participación nas películas “El patio de mi cárcel” ou “A esmorga”. Entroido, música e premios “Mar de Terra” rodouse a principios deste ano nos entroidos de Verín, Laza, Xinzo, Salcedo, Viana do Bolo e Santiago de Arriba (Chantada).

O documental conta, ademais, cunha banda sonora única, temas do disco “Galiza” de Kepa Junkera e un tema orixinal que o músico compuxo especificamente para o Entroido. Inda que tardaremos uns días en coñecer aos premiados das seccións a concurso do festival, esta primeira noite do OUFF entregará xa un galardón. O cineasta Xavier Bermúdez subirá ao escenario a recoller o premio Calpurnia de Honra, un recoñecemento a súa traxectoria como director, guionista e produtor, na que destacan películas como “León y Olvido”, “Nena” ou “O ouro do tempo”. A homenaxe a Bermúdez completarase coa proxección, durante o festival, dos seus traballos máis coñecidos, que se poderán ver no Cineclub Padre Feijoo e no Teatro Principal, do 30 de novembro ao 4 de decembro.

“Mar de Terra” e Xavier Bermúdez serán os protagonistas da gala inaugural da 23ª edición do OUFF, unha edición planificada en tempo récord, apenas 7 semanas, e que seus organizadores cualifican de “plural, digna e potente”.Cerca dun centenar de traballos, entre longametraxes, curtametraxes e series de televisión, proxectaranse no Festival de Cine de Ourense, do 29 de novembro ao 5 de decembro. As obras proceden de 17 países diferentes e abordan todo tipo de xéneros e temáticas. Na Sección Oficial compiten 10 títulos, incluídos, por vez primeira, unha cinta de animación, a adaptación da viñeta cómica “Memorias de un hombre en pijama”, de Carlos Fernández de Vigo; e outra rodada na provincia de Ourense, “Tódalas mulleres que coñezo”, un documental sobre a violencia sexista de Xiana do Teixeiro. Tamén entran en competición 24 curtametraxes de creadores galegos, que forman a sección OUFF en Curto.

O certame contará, así mesmo, co ciclo “Amal en ruta”, un festival itinerante dedicado ao cine euroárabe; un ciclo sobre Ingmar Bergman con motivo do centenario do nacemento do cineasta sueco; e En Feminino, que presenta películas dirixidas e protagonizadas por mulleres; así como a proxección de “Las brujas de E’lente”, a primeira produción de cine fantástica realizada integramente na provincia de Ourense. Ata Ourense achegaranse algúns dos protagonistas destas producións, ademais de dúas caras moi coñecidas do cinema que este ano recibirán homenaxe no OUFF: os actores Luís Tosar, premio Ourense, e Mabel Rivera, premio Fundación AISGE a unha traxectoria.