O Inorde estará presente, un ano máis, na Feira Internacional de Turismo Gastronómico
O menú do Inorde confeccionado para Xantar ofrece unha cociña tradicional, baseada en “produtos Km. 0”, é dicir, produtos cultivados en Ourense, transformados en Ourense e comercializados desde Ourense, explicou o presidente do Inorde
O Inorde estará presente, un ano máis, na Feira Internacional de Turismo Gastronómico – Xantar, que nesta XXI edición se celebrará do 5 ao 9 de febreiro en Expourense. O obxectivo de participar neste Salón é “promocionar os produtos de Ourense, colaborando con empresas da provincia que son líderes na súa actividade e no sector agroalimentario como Coren, Cuevas e o Grupo Reboreda Morgadío”, explicou hoxe no Pazo Provincial o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, quen presentou o restaurante do Inorde en Xantar, acompañado pola directora adxunta de Expourense, Emma González; o xefe de marketing do Grupo Coren, Benjamín Vázquez; a xerente de Cuevas y Cia, Maite González; e do departamento xurídico-fiscal do Grupo Reboreda Morgadío, Laura Méndez.
O menú do Inorde confeccionado para esta XXI edición de Xantar ofrecerá aos asistentes unha cociña tradicional baseada en “produtos Km. 0”, é dicir, produtos cultivados en Ourense, transformados en Ourense e comercializados desde Ourense, explicou o presidente do Inorde, quen destacou que “todo o valor engadido dos seus produtos queda na nosa provincia, transformándose en economía e emprego”.
Nesta XXI edición, “continuaremos a contar coa IXP Castaña de Galicia, que aporta un selo de calidade extraordinario coa valorización deste produto”, dixo Rosendo Fernández. O labor da IXP é estudar as características morfolóxicas, de desenvolvemento, variedades e peculiaridades, de tal modo que, xunto co Inorde, intentan desenrolar a potencialidade destes produtos para revitalizar a economía do rural galego, aumentando a produción transformación e a comercialización deste potencial endóxeno.
Así mesmo, Rosendo Fernández dixo que esta colaboración demostra que “sumando sinerxías público-privadas lógranse obxectivos que dificilmente se alcanzarían a nivel individual” e afirmou que desde o Inorde “queremos aglutinar a cociña tradicional coa celebración do Entroido, produtos turísticos emblemáticos da nosa provincia”.
Neste mesmo sentido, a directora adxunta de Expourense destacou “o esforzo” que realiza o Inorde para desenvolver estas iniciativas e dixo que para Xantar o restaurante do Inorde supón ofrecer “un menú inclusivo adaptado a todo tipo de públicos e cunha degustación de produtos que representan a esencia da nosa provincia”.
Pola súa parte, Maite González agradeceu ao Inorde esta “iniciativa colaborativa” e afirmou que para Cuevas é “un orgullo compartir sinerxías con Reboreda Morgadío e Coren porque son dúas empresas que investiron moitos esforzos en dar visibilidade e sostibilidade ao sector agroalimentario ourensán, un sector que ten o potencial suficiente para liderar a economía da nosa provincia”.
Asemade, Maite González destacou o papel da castaña no sector agroalimentario ourensán afirmando que na actualidade “contamos en Galicia con 48.000 hectáreas de castiñeiros e máis da metade da produción de castaña provén da provincia de Ourense”. A castaña é “un dos froitos máis importantes do noso bosque, polo tanto, é importante levar a cabo iniciativas como a que hoxe presentamos por tres motivos: porque a castaña é símbolo da ourensanía e do patrimonio gastronómico de Ourense, porque potencia a economía local e porque ademais ten un gran potencial de crecemento internacional que está a situar ao sector agroalimentario de Ourense no mapa mundial”, engadiu a xerente de Cuevas y Cia.
O xefe de marketing do Grupo Coren explicou que desde que lanzaron ao mercado hai seis anos o proxecto de porco selecta alimentado con castañas “os números non paran de medrar” e está a ter unha gran aceptación “empezando por Galicia, pero tamén chegamos ata Xapón onde vendemos unha gran parte da nosa produción de porco selecta”. O proxecto selecta que “está a ser un gran éxito, non se podería concibir noutro lugar que non fora Galicia e máis particular en Ourense porque Galicia produce o 90% de toda a castaña a nivel nacional, polo tanto, o que lle dá consistencia e coherencia a este proxecto é a súa orixe, onde estamos ubicados”, sinalou Benjamín Vázquez.
Laura Méndez agradeceu ao Inorde e a Expourense por “darnos a posibilidade de que o noso Grupo estea presente nunha Feira que xa é recoñecida a nivel internacional” e adiantou que Reboreda Morgadío, que naceu no ano 1945, xa está “con novas plantacións e recuperando novas variedades que esperamos que sexan un éxito”.
Menú
O menú do Inorde en Xantar está composto por: xamón selecta (Coren), táboa de embutidos de porco celta (Inorde), empanada de polo de curral (Coren), callos (Coren) ou crema de grelos con xamón e castañas, carrilleiras (Coren) con puré de pataca e castañas (IXP Castaña de Galicia), castañas con xenxibre (Cuevas) con iogur grego e lima, pan de Cea e viños de Adegas Campante – Grupo Reboreda Morgadío.
O prezo do menú é de 15 euros, para grupos de dez ou máis persoas será de 12 euros, e o menú infantil ten un prezo de 6 euros. Ademais, haberá un menú especial para celíacos (previa reserva). Para degustar este menú, os interesados poderán realizar a súa reserva a través dos seguintes números de teléfono: 629792896 ou 988366030.