OUFF

O OUFF estreará os primeiros capítulos de dúas novas series de ficción da TVG

“Lobos e cordeiros”, ambientada na Belle Époque, e “Os Mariachi”, unha comedia de situación, estrearanse na gran pantalla do Festival Internacional de Cine de Ourense, no Teatro Principal de Ourense, con entrada gratuíta

ondacero.es

Ourense |

os mariachis | onda cero

A nova edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) falará de cine, pero tamén de televisión, dado que por primeira vez, o certame acollerá a estrea das novas series de ficción da televisión galega: “Lobos e cordeiros” e “Os Mariachi”, froito dunha especial alianza coa TVG. As estreas terán lugar no Teatro Principal e contarán coa asistencia de gran parte do elenco de cada unha destas producións.

Así, os espectadores do OUFF poderán ver na gran pantalla os primeiros capítulos das dúas novas series que apuntan a converterse nun referente da ficción audiovisual galega.

Amores imposibles a finais do século XIX

“Lobos e cordeiros” é unha serie de época, ambientada a finais do século XIX en Ourense, nuns tempos nos que os conflitos bélicos nos que estaba embarcada España condicionaban o día a día do país. Esta ficción, producida por Galiwood coa colaboración da Deputación de Ourense, conta unha historia de intriga e amores imposibles de 3 familias: unha nobre, unha burguesa e outra campesiña; cun pazo e un balneario como escenarios de fondo. Entre os seus personaxes atopamos á muller dun marqués que esconde un secreto do seu pasado, a dous mozos namorados destinados a vivir vidas separadas ou á líder dunha banda de ladróns, cuxa identidade é un misterio.

Segundo o seu produtor executivo, José María Besteiro, estas tres familias “servirannos para narrar a historia de Galicia ó longo de varias tempadas”. Ourense xoga un papel esencial na ficción, con tódolos exteriores gravados na provincia, e tres de seus actores, Aída Blanco, Nacho Nugo e Alberto Rolan, ourensáns. No reparto tamén figuran, entre outros, Miquel Insua, Susana Sampedro, Desire Pillado, Adrian Rios y Sara Sanz.

O primeiro capítulo de “Lobos e cordeiros”, de 70 minutos de duración, poderá verse o venres 29 de novembro, ás 22:30 horas.

Humor e desencontros no Ribeiro

Pola súa banda, “Os Mariachi” é unha serie de situación ambientada na actualidade na comarca do Ribeiro. A ficción, con guión de Carlos Ares, Xose Castro e Andrés Mahía, retrata en clave de humor a rivalidade entre dúas familias que, aparentemente, non teñen nada en común: un recto notario e os seus veciños os Mariachi, descendentes de emigrantes mexicanos cun estilo de vida un tanto desordenado. Esta comedia, “humana e moi divertida” en palabras de Carlos Ares, está protagonizada por Manuel Manquiña, Antonio Durán “Morris”, Patricia Vázquez, Federico Pérez Rey, Marcos Pereiro, Cristina Andrade, Marita Martínez e Lucía Veiga, entre outros.

A ficción componse de varios capítulos de 30 minutos divididos en dúas seccións de 15 minutos cada unha. No OUFF poderase ver o primeiro capítulo o día 3 de decembro, ás 22:30 horas.

A entrada para ambas estreas de “Lobos e cordeiros” e “Os Mariachi” será gratuíta.