Chega a “VI Andaina de Armariz”, en favor do Autismo

Terá lugar o 2 de agosto en Nogueira de Ramuín e de cada inscrición 1,50 euros irán destinados a este colectivo.

ondacero.es

Ourense | 09.07.2014 13:09

Andaina Armariz
Andaina Armariz | Onda Cero

A “VI Andaina de Armariz” reunirá no Souto de San Ramón (Nogueira de Ramuín) a preto de 200 deportistas e amantes da natureza que se darán cita o vindeiro 2 de agosto para percorrer 9 quilómetros entre soutos e castiñeiros, nuns dos paraxes naturais de maior beleza da provincia de Ourense. O evento, co que colabora a Deputación de Ourense, foi presentado hoxe na sala de xuntas do Pazo Provincial e está organizado con fin benéfico en favor de Autismo Ourense pola asociación de veciños San Ramón de Armariz. O acto contou coa presenza do asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o presidente de A.VV. de San Ramón, Ovidio Montecelo, e o presidente de Autismo Ourense, Virgilio Montes.


“Trátase de unir solidariedade, deporte e natureza nunha mesma actividade”, explicou Bernardino González, quen agradeceu á asociación de veciños de Armariz o carácter solidario da andaina, e a Autismo Ourense o gran labor social que realiza. Pola súa banda, Ovidio Montecelo comentou que o percorrido da andaina, na que participarán nenos, mozos e maiores percorrerá “fermosos e sombreados bosques, e ten tamén o obxectivo de recuperar vellos camiños rurais, xa que o 90 % do trazado discorre por pistas de terra”.

Finalmente, Virxilio Montes lembrou que, ademais de deporte, “con esta iniciativa se colabora cos colectivos máis necesitados”, como neste caso é Autismo Ourense, unha axuda que agradeceu “porque atendendo estas necesidades tamén se atenden os problemas da sociedade”.

Inscricións
Os interesados en inscribirse na andaina pódeno facer chamado ao teléfono 617 375 387. O custe para os socios da asociación de veciños de San Ramón é de 3 €, mentres que para o público en xeral é de 4 €. De cada inscrición, 1,50 € irán destinados a Autismo Ourense.