Renuncia á acta de concelleira na corporación monfortina a edil socialista Margarita López, responsable da área de muller e igualdade. O propio alcalde José Tomé Roca foi o encargado de anuncialo no pleno celebrado a última hora de onte do que recuperamos os minutos finais cando se deu a coñecer a noticia. Recuperamos declaracións do alcalde, da edil e as valoracións que hoxe fan os grupos da oposición sobre este feito. A concelleira aseguraba que dimite por motivos familiares, a oposición levaba reclamándolle que deixara a acta, dende que se fixeron públicas denuncias contra o alcalde por presunto acoso sexual, e criticaban a súa actitude neste asunto. Do pleno falamos tamén co voceiro do BNG, Emilio Sánchez, deste grupo foi a única moción aprobada por unanimidade reclamando melloras para a estrada N 120, o resto foron rexeitadas co voto maioritario do equipo de goberno. E en Quiroga, despois do éxito do desfile de entroido celebrado o domingo, non descarta manter no futuro como data de celebración o domingo seguinte ao domingo de entroido, falamos co alcalde Jose Luis Rivera, que preparan tamén a Mostra do Aceite e a Feira do Viño. E espazo adicado ao sector vitivinícola temos tamén hoxe, falamos con María José Iravedra, responsable da adega Ronsel do Sil.
