Tras repasar novas da actualidade máis próxima abrimos o espazo adicado ao sector vitivinícola e co técnico Alfonso Losada e o director técnico do Grupo Martín Códax, Miguel Tubio, falamos da xornada que sobre os últimos avances tecnolóxicos aplicados o cultivo da vide e á produción de viño organiza a CEL no Parador de Monforte este venres. Poñer en valor o Camiño de Inverno a través da súa gastronomía é o obxectivo dunha iniciativa que prepara o GDR Ribeira Sacra - Courel e da que falamos coa técnica do citado grupo, Cristina Estévez. Seguen avanzando a bo ritmo as obras e construción do Centro de Día que coa axuda económica da Xunta, promove Afamón e falamos deste proxecto con Manuel Carballo, traballador social da citada entidade. E Pantón recupera a normalidade tras acoller a celebración da primeira proba do Campionato de España de Enduro esta pasada fin de semana. Recollemos o balance que fai o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, co que falamos tamén de obras de saneamento que leva a cabo a CHMS e da Feira do Viño que preparan para a segunda fin de semana de maio. Tempo tamén para o taekwondo e repasar con José María Vega, os éxitos dos deportistas do Neka que traen ouro e prata do Open de Bélxica.
