Día das Letras galegas

A RAG estrea unha serie sobre Luísa Villalta

Máis dunha vintena de persoas dan unha visión coral sobre as distintas facetas da escritora coruñesa.

Pilar Ozores

A Coruña | 10.04.2024 14:25

A Real Academia Galega estrea este mércores na súa web unha serie que percorre a traxectoria da escritora homenaxeada este ano no Día das Letras. Luísa Villalta: a rebelión da palabra consta de seis capítulos. Neles, unha vintena de persoas, procedentes de diversos ámbitos, ofrecen unha imaxe coral desta muller que ademais de escribir, daba clase de lingua e literatura galegas, tocaba o violino e tiña un forte compromiso social e político. Entre os participantes están as académicas Margarita Ledo e Ana Romaní e os tamén escritores Pilar Pallarés e Eva Veiga.

Tamén ofrece imaxes desde o seu nacemento ao seu pasamento cando tiña corenta e seis anos e moito aínda por facer. O documental está dirixido por Damián Varela, da produtora compostelá Míramemira. É a cuarta serie das Letras Galegas da Academia.