O Concello de Vila de Cruces celebrará esta fin de semana a XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral cunha previsión de asistencia de aproximadamente 3.000 persoas. O alcalde, Luís Taboada, sinala que Cruces será estes días o “epicentro” da gastronomía galega. “O galo de curral é unha das marcas de identidade e tradición da nosa vila”, explica. Tamén Taboada anima a toda a veciñanza e invita a todo o mundo a vivir e participar das diversas actividades e compartir a fin de semana con familiares e amigos, desfrutando das actuacións musicais e probando o galo, “como o auténtico manxar que é, na degustación da praza ou nos restaurantes locais”.
Declarada Festa de Interese Turístico Galego, a celebración iniciarase mañá sábado, 30 de maio, cunha cata maridaxe, no Auditorio Xosé Casal ás 12:00 horas, na que participarán 30 persoas. A actividade está organizada coa colaboración do Concello de Vedra e a comisión organizadora da "Festa do Viño da Ulla" da Asociación de Festexos Populares "San Miguel de Sarandón". A cata contará con viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, da subzona Ribeira do Ulla, de Adegas CastroBrey, da parroquia cruceña de Camanzo, e outras tres adegas da subzona. Estará dirixida polo prestixioso sumiller Nacho Costoya, recoñecido polo seu labor na promoción dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Os viños acompañarán á degustación do galo de curral, con tres pratos diferentes elaborados polo cociñeiro e veciño de Cruces José Antonio Asorey Torres, que rexenta o restaurante ‘Onde Antonio Mouriscade’ en Lalín. Preparará empanada de galo de curral, salpicón de galo de curral, e o prato tradicional de galo de curral con patacas.
A xornada do sábado continuará coa celebración do XXXII Festival de Bandas de Música de Galicia, que comezará ás 18:00 horas na Praza Juan Carlos I (Praza do Concello). Contarase coa presenza da Banda Unión Musical de Ponteledesma, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda Artística de Merza.
No marco do certame, o Concello fará entrega ás gañadoras do concurso de carteis do Festival de Bandas de Música de Galicia [Noa Pereira Silva -categoría 0 a 16 anos- e María Victoria Taboada Verde -categoría de 17 a 64 anos-, cuxo deseño dun auténtico galo musical foi a imaxe do cartel desta edición], un marco co seu debuxo. Tamén se lles entregará ás tres bandas unha placa conmemorativa pola súa participación no festival. Xa pola noite, ás 23:30 horas, a verbena correrá a cargo da orquestra Panamá.
O domingo, o día grande do galo de curral
A fin de semana da Festa Gastronómica do Galo de Curral proseguirá o domingo, 31 de maio, coa súa xornada grande, que estará presentada pola xornalista cruceña Mercedes Seijo. Comezará ás 11:00 horas con pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos ‘O Arco de Merza’ e ‘Vai Nela de Salgueiros’. Xa ás 11:30 horas sumarase á festividade unha exhibición de coches antigos a cargo da Escudería Clásicos O Toxo na Praza do Concello. O ambiente festeiro continuará ás 12:10 horas coa actuación do grupo local ‘Xuntounos Ela’.
Un dos momentos álxidos da xornada será o pregón, ás 12:45 horas, a cargo da actriz, xornalista e presentadora de TV María Mera (Boqueixón, 1986). Moi agradecida ao Concello por contar con ela como pregoeira, María Mera agarda a todos os festeiros para pasar un anaco divertido en Cruces entre amigos, familiares e veciños e, sobre todo, “comendo ben, porque como o galo de curral non hai”.
O mediodía terá un gran momento musical. Ás 13:15 horas toda a veciñanza de Vila de Cruces e os centos de visitantes que se achegarán ata a vila poderán desfrutar co concerto do cantante Carlos Baute, artista venezolano-español cunha traxectoria imparable dentro da música latina. Por motivos de saúde, Bertín Osborne non poderá estar finalmente nesta edición da festa.
Carlos Baute lanzou en 2024 ‘Del Caribe Soy’, un álbum festivo e nostálxico que rende homenaxe as súas raíces. Durante 2024 e 2025, estreou diversas colaboracións con artistas de distintos países de Latinoamérica, fortalecendo a súa presenza internacional. En 2025, con motivo do 15.º aniversario de ‘Colgando en tus manos’ (famoso tema a dúo con Marta Sánchez), Baute presentou unha versión electrónica da canción xunto aos djs AtellaGali, reinterpretando este clásico do pop latino. Para pechar o ano sacou ‘Quién Mejor Que Tú’, unha canción profundamente identificada co seu estilo e súa esencia como un dos grandes referentes do pop latino romántico.
Todos os artistas invitados, a presentadora, os organizadores da exhibición de coches antigos e os representantes da Asociación de Criadores de Galo de Curral recibirán unha placa conmemorativa da súa participación nesta edición da festa.
Pero non todo pode ser música e, como auténtica festa gastronómica, haberá exposición e venda de galo de curral vivo e a súa degustación, a partir das 12:00 horas na Praza do Concello. Segundo explica o presidente da Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces, Evaristo Rodríguez, participarán 20 criadores. Na exhibición haberá expostos 50 exemplares vivos e o punto de venda disporá de 40-50 exemplares mortos.
A degustación do galo de curral tamén será ao mediodía na Praza do Concello. O cociñeiro e veciño de Cruces José Antonio Asorey Torres, preparará máis de 500 racións de galo de curral, a un prezo simbólico de tres euros. Haberá unha tapa tradicional de galo de curral con patacas e acompañado dunha guarnición de verduriñas, con cogomelos e chícharos, e unha segunda tapa de galo con fabas naturais.
A festa pecharase por todo o alto coa música de verbena da orquestra Capitol, que ofrecerá unha gran actuación a partir das 18:30 horas.

