A Banda Municipal de Música de Caldas de Reis será a encargada de dar o pregón das festas do verán deste ano, nunha homenaxe que o Concello quere render á agrupación pola súa brillante participación no World Music Contest (WMC), a súa traxectoria, e polo seu labor incansábel como embaixadora da vila termal en todo o mundo. O pregón terá lugar este domingo ás 12.30 horas, durante a celebración da XIII Feira Tradicional, que encherá de actividade o Xardín Botánico e a Carballeira para abrir oficialmente as festas do verán.
O tenente de alcalde e responsable de Festas Manuel Fariña explica que o Goberno local quixo que fose precisamente a Banda quen inaugurase as celebracións do verán polo excepcional momento que atravesa a formación. “Non hai mellor maneira de comezar as festas que recoñecendo ás persoas que levan o nome de Caldas por toda Europa e polo mundo. A Banda converteuse nun símbolo da nosa vila e os resultados que vén acadando son motivo de orgullo para todas nós”, afirma.
Fariña lembra que a participación no Mundial de Kerkrade (Países Baixos) -considerado o campionato mundial e os ‘Xogos Olímpicos ’ou a ‘Champions ’da música de vento, que finalizou hai dous días- concluíu cunha actuación de enorme nivel e cunha das mellores puntuacións do certame. Confirmouse así unha vez máis a calidade da formación, que continúa situando Caldas entre as grandes referencias internacionais das bandas de música. Para o responsable municipal, ese éxito “merece algo máis ca unha felicitación; merece que sexa toda a vila a que lle renda homenaxe porque é unha extraordinaria embaixadora de Caldas”.
Criterio de elección da Banda de Música de Caldas de Reis
A elección da Banda de Música como pregoeira, explica o concelleiro nacionalista, tamén pretende recoñecer unha traxectoria de excelencia que se prolonga desde hai anos. A agrupación xa conquistou entre moitos outros o primeiro premio no Certame Internacional de Bandas 'Ciutat de València', un dos concursos máis prestixiosos do mundo, onde obtivo unha actuación histórica baixo a dirección de Javier Penido.
Fariña destaca que detrás destes éxitos hai moitos anos de esforzo colectivo, ensaios, compromiso e unha aposta constante pola formación musical. “A Banda non só consegue premios; consegue que cada vez que sobe a un escenario o nome de Caldas soe asociado á calidade, á cultura e ao talento. Iso ten un valor incalculable para un concello como o noso”, subliña. O Concello considera ademais que esta homenaxe é tamén un recoñecemento ás xeracións de músicos e músicas que durante anos fixeron medrar a formación ata convertela nunha referencia internacional e nun dos principais emblemas culturais de Caldas de Reis.
Tras a lectura do pregón, a XIII Feira Tradicional deste domingo dará paso a unha intensa xornada festiva no Botánico e na Carballeira, abrindo oficialmente un programa no que a propia Banda volverá ter un papel protagonista con diferentes actuacións ao longo das festas do verán.

