A Deputación de Ourense continúa avanzando na recuperación da Mostra dos Viños da Ribeira Sacra ourensá, unha iniciativa que será retomada este ano con “nova forza” grazas á colaboración entre administracións locais e o propio sector vitivinícola. Así o explicou o presidente provincial, Luis Menor, tras manter unha reunión de traballo con alcaldes, representantes políticos dos municipios que conforman a Denominación de Orixe vitivinícola (A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, O Castro de Caldelas, San Xoán de Río, A Pobra de Trives e Manzaneda), así como adegueiros, na que se deron novos pasos para concretar esta proposta que busca poñer en valor un dos principais sinais de identidade do territorio. Este encontro dá continuidade ao celebrado o pasado 24 de marzo no Pazo Provincial, no que xa se acordara impulsar esta feira do viño como unha ferramenta clave de promoción da Ribeira Sacra ourensá.
A cita terá lugar o 24 de outubro, unha vez rematada a vendima.

