O Psoe advirte que non permitirá que se hipoteque o Concello
Os socialistas desvelan a intención de Jesús Vázquez de favorecer antes de abandonar o seu mandato a certos funcionarios afíns aos representantes sindicais do Concello e de querer levar adiante unha OPE para buscar acomodo aos seus antes das municipais
A vella política de persoal do Partido Popular está máis de volta que nunca no Concello de Ourense. Nas últimas semanas intensificouse o traballo da maquinaria electoral do PP para perverter os procesos selectivos de acceso á función pública e beneficiar a aqueles funcionarios que máis lles conveñen dentro da nova Relación de Postos de Traballo do consistorio.
Todo isto despois de case 4 anos de desmáns, nos que enchufaron e aínda manteñen ao seu “comisario político” Javier Rodríguez-Nóvoa como xefe de servizo de persoal, a pesar de que os tribunais nos deron a razón e o proceso de selección foi anulado. Todo isto despois de 4 anos de abandono total do corpo da Policía Local e dos Bombeiros de Ourense, de ser incapaces de sacar unha oferta de emprego para cubrir nen sequera as vacantes nin as novas necesidades destes servizos esenciais. Todo isto despois de botar a culpa aos funcionarios da planta baixa polas colas xeradas pola falta de persoal para ser atendidos no rexistro, no departamento de estadística e padrón ou en atención ao cidadán. Todo isto despois de que non fixeron nada máis que buscar o seu interese persoal e acadar réditos políticos na toma de decisións, sen pensar en ningún momento nas necesidades de persoal do Concello de Ourense nin no futuro da nosa cidade e dos nosos veciños, que deberán ter todo o dereito a acceder a un traballo público en condicións de transparencia, igualdade, mérito e capacidade.
Chegados a este punto, como noutros procesos levados a cabo ata o de agora, o Grupo Municipal Socialista esixe en primeiro termo ao Alcalde e a Flora Moure que paralicen as súas escuras intencións xa, en caso contrario, chegaremos a onde teñamos que chegar, porque o que non imos a permitir como representantes públicos é que se volva a repetir o “pelotazo de enchufes e componendas” que realizaron os seus antecesores do PP no ano 2007, xusto cando antes das eleccións municipais, cando sabían que seguir no goberno estaba no aire e a cidade pedía a berros un cambio, meteron pola porta de atrás a máis dun centenar de persoas, sen importarlles en absoluto cal sería o futuro da institución nos anos seguintes.
* Solicitamos a nulidade da modificación da RPT promovida polo PP, na que existe discriminación salarial e se beneficia a xente afín sin criterios obxectivos.
* Solicitamos saber que pasa co proxecto de Regulamento de Provisión de Postos de Traballo e Situacións Administrativas do Concello de Ourense. Sería fraudulento aprobar unha nova RPT sen que este se aprobe definitivamente.
* Solicitamos un Plan de Emprego para a regularización do persoal laboral e interino e unha promoción interna en condicións para os funcionarios de carreira deste concello.
Rogamos ao PP que nos explique por que en 4 anos manifestaron de xeito reiterado que non podía sacar a Oferta de Emprego Público por motivos orzamentarios, en contra do criterio deste grupo municipal e a escasos meses da campaña electoral proceden a cambiar de criterio. Se son incapaces de ter altura de miras e pensar no interese público como premisa fundamental, ou abandonen xa ou agarden a que o novo goberno municipal chegue, pero non hipotequen a este concello e a esta cidade para favorecer ao seu partido político.