Ourense Cidade

O Psdg_Psoe destapa que Jácome e o P.P. xa firmaron o pacto para manter a Baltar na Deputación de Ourense

O PSOE detalla reunións de DO nun hotel con líderes galegos do PP, viaxes de Jácome no coche de Manuel Baltar ou encontros nocturnos na casa de Baltar pai.

Óscar Gómez

Ourense | 27.06.2019 12:57 (Publicado 26.06.2019 12:31)

Rafa Villarino
Rafa Villarino | Onda Cero

O PSdeG-PSOE vén de destapar que Gonzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar xa firmaran o pacto da vergoña para manter ó "cacique" na Deputación de Ourense, mentres negociaban con outros partidos e anunciaban falsas fumatas negras nas redes sociais. O secretario provincial dos socialistas e candidato á alcaldía da terceira cidade de Galicia, Rafa Villarino, relata polo miúdo o discorrer das negociacións entre os diferentes partidos, tralos resultados das eleccións locais do 26 de maio.

Villarino explica que os metadatos do documento coas sinaturas de Jácome e Baltar foi escaneado ás 12 do mediodía do venres 14 de xuño, polo tanto, ese papel xa fora redactado e firmado antes. A esa mesma hora, coa sinatura da vergoña xa firme no papel, Jácome seguía a negociar co PSdeG-PSOE e a difundir nas redes sociais unha falsa “fumata negra”, aludindo á falta de acordo. O líder socialista explica que “o venres DO telefonou cunha oferta na que o PSOE comezaba a gobernar no consistorio ata as eleccións autonómicas, pouco máis de un ano para nós. Esta oferta durou uns minutos, xusto cando recibíamos informacións de que Jesús Vázquez e DO compartían espazo e festa na cafetería Marinto, e que o pacto xa estaba feito”.

Villarino detalla as múltiples proposicións achegadas polos socialistas a Democracia Ourensana, que concluíron cunha última proposta que consistía en que o PSdeG-PSOE iniciaría un goberno de dous anos no concello da capital e DO na deputación, e mudarían os papeis nos dous últimos anos, sendo Ciudadanos parte de ambos gobernos. “Acudimos á unha nova xuntanza sen recibir chamada algunha previa, en contra do acordado, e, para a nosa sorpresa e indignación DO rexeitou a proposta e insistiu nos catro anos de goberno en solitario no concello, pois a deputación seica non lles interesaba”, explica.

O portavoz socialista tamén destaca que “Jácome non asistiu a ningunha reunión formal co PSdeG-PSOE no Liceo, e preferiu restaurantes, hostais e, finalmente, as salas do hotel”. Incluso destapa como o propietario de DO mantivo encontros “con Miguel Tellado e José Manuel Baltar no hotel Araguaney de Santiago, retornando despois a Ourense no mesmo coche do presidente en funcións provincial, ou reuníndose con nocturnidade e por espazo de máis de dúas horas na propia casa de Baltar pai nas Lagoas”.

“A proba definitiva do engano e a intransixencia foi que, por resultados, o PSdeG-PSOE tiña, cando menos, que comezar a gobernar por ser a forza máis votada na cidade. Por ética, esta razón é incuestionable. Nada xustificaría unha rendición, unha entrega da cidade, a quen non recibiu o apoio da cidadanía e perdeu votos. Por desconfianza, nunca regalaríamos o concello a alguén como Jácome que carece de fiabilidade e de palabra como xa quedou acreditado”, asegura Villarino antes de destacar que “Baltar ía a ser presidente da deputación si ou si, pois as ansias ególatras de Jácome e o temor de Feijóo a perder o último reduto de voto clientelar”.

Así mesmo, Villarino recorda que os resultados das eleccións “acabaron con máis de tres décadas de maiorías absolutas do PP, e, polo tanto, de dominio da familia Baltar”, e salienta que “desde a chegada de Manuel Baltar á Deputación, o PP de Ourense descalabrouse e perdeu máis de 30.000 votos na provincia” abríndose este ano “unha fiestra de esperanza que era unha ameaza para os beneficiarios da rede clientelar tecida nesas décadas”. Sen embargo Democracia Ourensana “optou por manter esta situación”, salvo que no pleno do próximo venres “voten a favor do PSdeG-PSOE para presidir a deputación, por ser a forza máis votada como alternativa a décadas de goberno corrupto e clientelar”, xa que “é tempo de mudar favores por dereitos e de cumprir as promesas por dignidade e por enriba dos intereses persoais”