Ourense refente en compormiso e protección do Medio Ambiente
O seu obxectivo principal é avanzar na obtención de enerxía a partir das augas residuais, así como dar resposta ás demandas de novas tecnoloxías por parte das empresas que se encargan das instalacións depuradoras
O Concello de Ourense será un referente mundial en materia de innovación tecnolóxica para a transformación dos residuos que se xeran nas estacións depuradoras, convertendo o que hoxe é un reto medioambiental nunha oportunidade económica de futuro.
Así o defendeu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, este martes durante a presentación da Unidade Mixta CIGAT–Biofactoría, do Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamento de Auga. O acto tivo lugar no edificio de control da EDAR de Ourense, e foi presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
“A cidade de Ourense dá hoxe un paso adiante decisivo en dous dos seus retos máis firmes: converterse en referente de innovación económica e refrendar o seu compromiso coa conservación da contorna natural e a protección do Medio Ambiente”, dixo o alcalde Jesús Vázquez.
Neste sentido, o rexedor destacou que a Unidade Mixta é un proxecto “ambicioso e singular que está chamado a facer de Ourense unha cidade pioneira e referente mundial da economía circular”.
Trátase dunha proposta froito da colaboración público-privada entre Viaqua, o Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua), a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense. O seu obxectivo principal é avanzar na obtención de enerxía a partir das augas residuais, así como dar resposta ás demandas de
novas tecnoloxías por parte das empresas que se encargan das instalacións depuradoras.
“Falamos dunha aposta estratéxica polo desenvolvemento e pola transferencia ao mercado de novas solucións tecnolóxicas demandadas polas empresas encargadas da xestión de residuos. E faise cun proxecto de singular importancia: a revalorización material e as oportunidades de futuro que ofrecen as correntes residuais, tanto urbanas como industriais”, explicou o rexedor ourensán.
A Unidade Mixta dá continuidade a un proxecto de colaboración público-privada iniciado en 2015, que sitúa a Galicia na vangarda da innovación tecnolóxica no sector da auga.
O proxecto inclúe a proba na estación depuradora dun prototipo de novas tecnoloxías que permitirán avanzar na obtención de enerxía a partir dos residuos da auga. Así, a EDAR situarase como unha instalación pioneira a nivel mundial no campo da biorrefinería, é dicir, na obtención de produtos de alto valor engadido baseados no carbono non obtidos do petróleo