Violencia de Xénero

A Xunta promove a formación de persoas que traballen coas víctimas de violencia de xénero

Trátase de outorgar aos profesionais de atención psicosocial, sanitaria, educativa e de recursos humanos coñecementos para abordar a inserción das mulleres vítimas desta lacra

Óscar Gómez

Ourense | 17.02.2021 08:56

Violencia de género
Violencia de género | antena3.com

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; e a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos; asinaron un acordo que permitirá reforzar a formación dos profesionais que traballan en contacto coas mulleres vítimas de violencia de xénero, para atender mellor as súas necesidades socio-laborais, psicosociais, e de carácter educativo ou sanitario.

Acordo que permitirá reforzar a formación dos profesionais que traballan en contacto coas mulleres vítimas de violencia de xénero
Acordo que permitirá reforzar a formación dos profesionais que traballan en contacto coas mulleres vítimas de violencia de xénero | ONDA CERO

O acordo ten por obxecto reforzar a formación para mellorar a atención ás vítimas de violencia de xénero por parte das entidades sociais que traballan man a man con elas. Diríxese, neste sentido, a profesionais sanitarios, educativos, equipos psicosociais ou de recursos humanos dalgunhas empresas. Incídese sobre todo nunha mellora na cualificación, para así poder comprender mellor as necesidades específicas das mulleres que soliciten axuda, así como os puntos clave polos que pasa a súa recuperación integral, tanto psicolóxica como socio-laboral.

A Xunta considera fundamental que os actores sociais responsables de atender ás vítimas nas súas diferentes funcións e facetas, conten cunha formación adecuada, pegada á realidade e en constante actualización para levar a cabo con éxito o seu servizo. Neste sentido, a EGAP organizará e xestionará as actividades de formación na materia, reforzando as horas e os módulos relativos á prevención e atención á violencia de xénero.

A iniciativa forma parte das medidas activadas en Galicia, entre os diferentes departamentos da Xunta, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Concretamente trátase de darlle unha vertente práctica á busca da constante mellora da intervención en materia de dereito familiar e violencia de xénero dos actores sociais que prestan atención directa as vítimas.

Este é o segundo acordo deste tipo formalizado esta semana en materia de violencia de xénero. Onte mesmo a Xunta renovou o bono alugueiro social, que permite garantir unha alternativa habitacional ás vítimas. Ambos os dous documentos, constitúen bo exemplo do compromiso do Goberno galego por unir forzas e dar a mellor resposta posible contra a lacra da violencia de xénero dun xeito transversal.