Comercio

A Xunta promove o comercio local entre a mocidade cunha xincana

Celebrouse en Ourense a cuarta xincana urbana organizada ao abeiro do programa autonómico Localízate! no teu comercio local, unha iniciativa da Xunta inserida no Plan estratéxico do comercio de Galicia.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Xunta promove o comercio local entre a mocidade cunha xincana
A Xunta promove o comercio local entre a mocidade cunha xincana | Xunta de Galicia

Os alumnos participantes deberon completar unha carreira por equipos que partiu de Bispo Cesáreo, onde estaba situada unha unidade móbil, e discorreu pola Alameda, na ubicación provisional da Praza de Abastos, e polas principais rúas comerciais da cidade. Durante o percorrido, os rapaces e rapazas deberon resolver diferentes probas e interactuar cos comercios colaboradores.

As xincanas constitúen a segunda fase do programa, despois de Localízate! na aula, na que este curso participaron 2.175 alumnos e alumnas de ESO e FP Básica analizando e propoñendo ideas innovadoras para impulsar o comercio de proximidade. En cada cidade participan as aulas cos traballos mellor valorados polo xurado. Tras o seu paso xa por Ferrol, Lugo, Santiago e —na xornada de hoxe— Ourense, a vindeira xincana terá lugar na cidade da Coruña o 19 de maio.