O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, puxo en valor a aportación do Goberno galego de máis de 920.000€ a 31 concellos da provincia de Ourense de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas, co fin de impulsar e consolidar a actividade turística nas contornas rurais, e ao mesmo tempo promover a diversificación turística polo territorio da comunidade.
O delegado territorial da Xunta aproveitou a súa estadía neste municipio para lembrar que a Xunta ten aberto o prazo de solicitudes dunha nova orde destas achegas ata o vindeiro 17 de abril que, cun orzamento de 2 millóns de euros, busca fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos destes municipios para consolidar a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.
Nesta liña, explicou que os proxectos, subvencionables ata o 100% do orzamento cun máximo de 30.000 euros por actuación, están orientados á mellora e posta en valor dos recursos turísticos locais como o embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, a recuperación e tratamento paisaxístico das contornas, a iluminación ornamental, a adecuación de aparcadoiros ou a creación de miradoiros paisaxísticos e rutas de sendeirismo.
O representante do Goberno galego significou que entre os obxectivos básicos deste tipo de axudas están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.
Por iso – mantivo Manuel Pardo- que o desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese o apoio a actuacións de diferente natureza, que a Axencia de Turismo de Galicia está materializar a través da concesión de subvencións ás entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Beneficiarios no ano 2025
Na última resolución destas axudas os municipios ourensás beneficiados foron Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Verea, Maside, Oímbra, Bande, Vilar de Barrio, O Bolo, Allariz, Arnoia, Larouco, Sandiás, Cualedro, Muíños, Lobios, A Peroxa, Castrelo do Val, A Merca, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, A Teixeira, Leiro, Petín, Vilariño de Conso, Ribadavia, Melón, Lobeira, Montederramo, Castrelo de Miño, Cartelle e A Gudiña.

