A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, deu a coñecer a nova nunha visita que realizou á Asociación de Veciños do Polvorín, en Ourense, que se beneficiou o ano pasado dunha achega de ata 16.391 euros para distintas obras de mellora na sede da entidade, no barrio do Polvorín. A Xunta de Galicia, a través da devandita orde, concedeu a esta entidade 11.391 euros para estas actuacións, ademais de 5.000 máis para equipamento do inmoble no que se reúnen os máis de 150 asociados desta entidade veciñal.
O edificio no que se levaron a cabo as melloras foi construído no ano 1950 e precisaba de reparacións e de obras de rehabilitación en portas e fiestras para mellorar o seu illamento térmico, así como outras actuacións de fontanería e eficiencia enerxética. A achega para equipamento destinouse, fundamentalmente, á adquisición e instalación de material informático e audiovisual.
A Xunta incrementa ata os 3M€ as axudas ás asociacións de veciños
A Xunta vén de renovar a orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, e na que o Goberno galego incrementa o orzamento nun 20%, ata acadar os 3 millóns de euros, na súa aposta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.
A orde, en réxime de concorrencia competitiva, establece as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2022 dentro do plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.
A contía das axudas pode acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos. O orzamento total é de 3 millóns de euros, un 20% máis que no 2021, cando se elevaba a 2,5 millóns.
As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais. No caso das comunidades de usuarios de auga deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de augas como titulares do aproveitamento de augas para o que solicitan a subvención.
Os solicitantes teñen un mes para tramitar as peticións, a partir do día seguinte á publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.