O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe a sede da Fundación Valdegodos, onde puxo en valor o esforzo e o labor indispensable que as residencias e os traballadores das mesmas levan a cabo na mellora da calidade de vida dos usuarios. O representante do departamento autonómico subliñou o compromiso que a Xunta de Galicia ten con esta entidade ao achegar máis de 4.700.000 euros para sufragar os gastos das 361 prazas públicas dos centros que xestiona esta organización na comunidade galega.
A Fundación Valdegodos ofrece unha atención integral para o usuario, que abranguen desde servizos médicos, como a intervención terapéutica, o desenvolvemento de programas para o fomento da mobilidade ou a aplicación de técnicas contra a dor, ata servizos de enfermaría, psicoloxía, seguimento nutricional e dietético, elaboración de traballos sociais e salón de peiteado, entre outros.