As accións formativas -explicou Manuel Pardo- realizaranse en 16 edicións, cunha duración total de 450 horas, e farase tanto formación presencial como telemática. Nos cursos participarán profesionais das diferentes categorías nas que se estrutura o Servizo, desde os axentes, bombeiros forestais, vixilantes e condutores de motobomba ata o persoal dos medios aéreos, pasando por emisoristas e técnicos dos distritos e dos servizos provinciais, entre outros.
Os cursos programados para este segundo trimestre abranguen aspectos como a formación básica en investigación de lumes, o manexo de maquinaria, a utilización de datos e imaxes de satélite aplicados á extinción, as ferramentas de xestión emocional e auto-coidado na emerxencia por incendios forestais, a análise dos lumes, as operacións avanzadas para xefes de brigada, a xestión de medios aéreos desde os centros de coordinación, as brigadas helitransportadas, as motobombas, a mellora da eficiencia do SPIF ante o risco extremo por incendios, o apoio na xestión das operacións desde os centros de coordinación e a actualización de procedementos para directores técnicos de extinción.
Parte destes cursos realizaranse no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén (Ourense), unhas instalacións da Xunta especialmente deseñadas para ofrecer este tipo de formación e que xa teñen acollido profesionais de diferentes países europeos, caso de Estonia ou Países Baixos. Así, no CILL impartiranse accións formativas sobre risco extremos sobre incendios, sobre xestión emocional ou sobre uso de maquinaria lixeira; e tamén os dirixidos a directores técnicos de extinción, para a actualización de procedementos operativos.

