Vilencia de Xénero

A Xunta concedeu 1000 axudas a victimas de violencia de xénero

Os recursos de acollemento que dispensa a comunidade deron acubillo o ano pasado a 170 mulleres vítimas da violencia de xénero e a 110 menores

Óscar Gómez

Ourense | 29.04.2022 10:09

La violencia machista sigue creciendo en España
La violencia machista sigue creciendo en España | Europa Press

A Xunta incidiu un ano máis no apoio económico ás vítimas co obxectivo de que “dean o primeiro paso ou poidan consolidar a ruptura cunha situación na que corren perigo”, indicou López Abella. En 2021 concedéronse cerca de 1.000 axudas de carácter económico: 612 de pago periódico, coas que estas mulleres perciben ata 800 euros mensuais e durante un período de 12 meses; 324 de pago único; e outras 13 axudas coas que se garante que as vítimas reciben as indemnizacións recoñecidas por sentencia xudicial.

Os recursos de acollemento, pola súa banda, deron acubillo a 280 persoas (170 mulleres e 110 menores), que accederon a vivendas tuteladas e centros de acollida, ao centro de emerxencia de Vigo, a vivendas de seguridade para vítimas de trata ou aos inmobles tutelados especializados en mulleres vítimas con enfermidade mental. O Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, ubicado en Santiago, atendeu 122 persoas, indicou López Abella.

Apoio psicolóxico

Galicia recoñece a asistencia psicolóxica gratuíta para mulleres, menores e/ou persoas dependentes que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero. En 2021 beneficiáronse destes apoios, concertados co Colexio de Psicoloxía de Galicia, 1.169 persoas, delas 306 menores de idade e 64 con dependencia.

López Abella destacou o traballo que a Xunta exerce neste ámbito tamén “con homes que adoptan conductas inadecuadas coas súas parellas e desexan adquirir novos modos de comportamento exentos de agresividade” no que se actuou con 136 persoas; ou a terapia familiar con 36 menores que sufriron de maneira directa a violencia de xénero.

A Xunta tamén celebrou 800 sesións no marco do programa de intervención con mulleres vítimas de abuso e violencia sexual, desenvolvido pola Fundación Meniños no que participaron 83 mulleres.

Apoio laboral e formación

Que as mulleres vítimas poidan emprender o camiño para a súa independencia pasa pola necesidade de axudalas na súa inserción laboral. Desde 2019, a Consellería de Emprego e Igualdade convoca axudas para incentivar a súa contratación polas entidades locais. O ano pasado destináronse 1,4M€ a esta finalidade, o que permitiu a incorporación de 62 mulleres en 31 concellos. Tamén se apoia a promoción de programas de inserción laboral para vítimas por parta das entidades sen ánimo de lucro, nos que o ano pasado se acadaron 60 contratacións.

Entre outras iniciativas, a secretaria xeral destacou as campañas de sensibilización e prevención contra a violencia de xénero desenvolvidas no medio rural. Así, a Consellería de Emprego e Igualdade colaborou cos Grupos de Desenvolvemento Rural para achegar formación a máis de 4.300 mulleres.

Tamén subliñou a valoración positiva das persoas que participaron nos 70 obradoiros sobre violencia dixital nos que se alertou sobre a violencia nas redes e a ciberviolencia de xénero no contexto da internet; ou as actuacións de prevención de situacións de violencia e defensa persoal que se levaron a unha vintena de concellos.

Concienciar desde idades temperás é outro dos eixos polos que a Xunta está a apostar. O ano pasado financiáronse actividades promovidas por 820 asociacións de nais e pais dos centros educativos, o que permitiu desenvolver máis de 500 accións de formación e difusión coas familias e cerca de 1.000 en contacto directo co alumnado.

Pacto de Estado

A secretaria xeral da Igualdade insistiu, por outra banda, na necesidade de que o Goberno central dea un ano de moratoria ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que este 2022 remata o seu quinquenio. Aínda que na última conferencia sectorial o Ministerio de Igualdade se aveu a crear un grupo de traballo a proposta da Xunta, dixo, “non se atendeu á petición de Galicia de obter un ano de moratoria mentres non se asentan as bases do futuro Pacto”.

Para o Goberno galego, “o Pacto de Estado contra a violencia de xénero é un instrumento eficaz para coordinar as políticas para loitar contra esta lacra social”, remarcou.

López Abella, destacou en último termo, que Galicia segue na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller en todos os eidos, ao permitir visibilizar novas desigualdades e avanzar para erradicalas. A nova Lei galega de Igualdade, que na actualidade está en tramitación, impulsará, entre outras medidas, a protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través de medios tecnolóxicos; promoverá programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual; ou recoñecerá a discriminación múltiple da muller por discapacidade, etnia, idade, pobreza ou inmigración.