O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, anunciou que a Xunta concederá achegas económicas por valor de 7,1 millóns de euros a un total de 98 asociacións ao abeiro da nova orde de axudas a entidades sociais para sufragar posta en marcha de programas e iniciativas no ámbito da inclusión. Na provincia de Ourense son 12 as entidades subvencionadas con 900.271 euros repartidos en dúas anualidades, 395.337 euros en 2022 e 504.933 euros para o ano 2023.
A través destas axudas, a Xunta apoiará 500 actuacións coas que garantirá o financiamento básico de centros de inclusión e de emerxencia social da Comunidade Autónoma, entre outros: albergues, comedores sociais, servizos de reparto de alimentos ou equipamentos sociais de atención continuada. Ademais, todos estes programas recibirán con esta nova liña de subvencións ata un 40 % máis de fondos por cada un dos seus usuarios que en convocatorias anteriores.
Por outra banda, a orde tamén achega financiamento a programas de inclusión social e acceso ao mercado laboral para persoas en situación ou risco de exclusión. Entre eles, inclúense tamén accións formativas e programas específicos para as persoas sen fogar e para poboación inmigrante, como formación lingüística, mediación intercultural ou asesoramento técnico en estranxeiría. As intervencións subvencionadas abranguen desde o pasado día 1 de xullo ata o 31 de abril de 2023.
Con esta iniciativa, o Goberno galego dá continuidade a súa colaboración co tecido asociativo, co obxectivo de chegar a todos os fogares que atravesan unha situación complicada e que precisan de apoio.