Ourense Provincia

A Xunta comeza as obras de sinalización das Rutas do Viño

O Goberno galego inviste 322.000 euros nesta actuación para actualizar os indicadores nos establecementos e concellos que atravesan estas rutas.

Óscar Gómez

Ourense | 31.05.2021 10:06

A Xunta comeza as obras de sinalización das Rutas do Viño
A Xunta comeza as obras de sinalización das Rutas do Viño | onda cero

A Xunta iniciará as obras de sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra, de Monterrei e de Valdeorras, ás que destina 322.000 euros coa instalación de novos indicadores actualizados que recollan os establecementos e concellos que forman parte deste produto turístico vinculado a estas denominacións de orixe vitivinícolas.

Os traballos inclúen a unificación dos tipos de paneis direccionais urbanos e carteis direccionais frecha coa adopción dun único modelo, eliminando os que non se adapten a normativa. Ademais, simplificarase a sinalización en interseccións cun único panel de elemento de alto interese no canto de varios concentrados e reforzaranse tanto as indicacións de lugares emblemáticos nos que se pretende dar a coñecer as Rutas do Viño como nos cruces ou puntos que induzan a erro.

A sinalización abarcará os concellos ourensáns de A Teixeira, Castro Caldelas, Parada de Sil, Nogueira de Ramuín e A Pobra de Trives, xunto cos municipios lugueses de Monforte de Lemos, Sober, Pantón, Chantada, O Saviñao e Quiroga, dentro da Ruta do Viño da Ribeira Sacra; os municipios do Barco de Valdeorras, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e Petín na Ruta do Viño de Valdeorras; e os concellos de Monterrei, Verín e Oímbra na Ruta do Viño de Monterrei.

As rutas inclúen recursos de interese enolóxico, cultural e paisaxístico entre os que se poden atopar, ademais das adegas, outros establecementos que prestan servizos de restauración e hospedaxe, museos, artesanía ou instalacións de lecer.

A actuación enmárcase no apoio da Xunta ao enoturismo e a experiencias turísticas vinculadas ás Rutas do Viño. De feito, o Goberno galego colaborou ademais coas Asociacións das Rutas do Viño para a aplicación das medidas de prevención ante a covid-19 nestas rutas.

O Goberno galego ampara a marca paraugas Enoturismo Galicia que engloba experiencias personalizadas como estas rutas que permiten descubrir Galicia e contribúen á desestacionalización do turismo galego. Trátase, por tanto dun dos produtos turísticos que axuda a diferenciar a oferta da comunidade e promover Galicia como un destino confiable e de calidade.