A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou a área de xogo creada no concello de Trasmiras coa colaboración da Xunta ao abeiro da Orde de infraestruturas municipais. O Goberno galego investiu máis de 33.000 euros para dotación de elementos de xogo infantís e saudables no núcleo de Abavides, un dos de maior poboación da localidade.
O novo parque sitúase nunha parcela na que xa existe equipamento deportivo e que se usa como zona verde de lecer. Así, executouse un peche con dúas portas de madeira e colocouse baldosa de caucho para garantir a protección no uso dos xogos. No lugar dispuxéronse seis elementos de xogo infantil, como tobogán, bambán e balancíns, e outros cinco de xogo saudable. Trátase así de facilitarlles o esparexemento e a actividade física tanto á cativada como á poboación de maior idade.
Segundo sinalou a directora xeral, a contribución da fixación da poboación no rural é un dos obxectivos da Orde de infraestruturas de uso municipal, polo que a creación, mellora e ampliación de parques infantís están entre os proxectos prioritarios na concesión das axudas. Neste sentido indicou que a meirande parte do investimento das subvencións outorgadas en 2022 se destinaron a iniciativas deste tipo, con preto dun millón de euros que se distribuíron entre 29 actuacións.
O orzamento total da liña de axudas ascendeu a 3,5M€, unha contía que se mantén na convocatoria deste ano. Natalia Prieto lembrou que o prazo para pedir as axudas segue aberto ata o 20 deste mes e animou os concellos a solicitalas a prol da mellora dos servizos públicos municipais.
Impulso á calidade de vida no rural
Segundo indicou, trátase dunha iniciativa dirixida a impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico. “O obxectivo é facilitar a mellora das dotacións e infraestruturas básicas e dos servizos municipais para garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa”, apuntou.
A Orde para a creación e mellora de infraestruturas súmase ao Fondo de Compensación Ambiental, destinado tamén ás administracións locais e centrado no apoio ás actuacións para a protección do medio natural. Dotado con máis de 11 millóns de euros, as entidades locais poden tamén presentar xa as súas propostas ata o 27 de febreiro.
Nos últimos anos o concello de Trasmiras beneficiouse das distintas medidas a prol dos servizos municipais con achegas que suman case 538.000 euros. A maiores, este municipio recibiu o pasado ano máis de 147.000 euros do Fondo Base de Cooperación Local.