Conciliación Familiar

A Xunta aprobará unhas axudas para a creación de 20 casas niño

Esta convocatoria permitirá que Galicia chegue a un centenar destes centros de conciliación no rural antes de rematar o ano

Óscar Gómez

Ourense | 18.02.2021 08:50

A Xunta aprobará unhas axudas para a creación de 20 casas niño
A Xunta aprobará unhas axudas para a creación de 20 casas niño | onda cero

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que o Consello da Xunta aprobará unha nova orde de axudas para a creación de 20 casas niño no rural. Foi durante unha visita realizada esta mañá ao centro situado no concello ourensán de Maside, un dos primeiros de Galicia, na que estivo acompañada do alcalde da localidade, José Manuel Iglesias, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Fabiola García
Fabiola García | onda cero

Trátase da sexta convocatoria de casas niño que o Goberno galego impulsa desde o ano 2016, cando se crearon estas pequenas escolas infantís, totalmente gratuítas para as familias, en pequenos concellos do rural. A conselleira lembrou que coa posta en marcha destes 20 novos centros, Galicia contará antes de rematar o ano cun centenar de casas niño espalladas por toda Galicia.

Esta convocatoria estará dotada con 1,6 millóns de euros, que se empregarán para o funcionamento das instalacións, ao que se destinan 19.600 euros anuais por centro; así como para a adecuación das instalacións nas que se van situar, para o que cada casa recibe 15.000 euros. A conselleira resaltou que estes recursos de conciliación teñen demostrado ao longo destes anos ser útiles para os cidadáns, ao adaptarse ás características do rural galego; e prestar un servizo de gran calidade.