Violencia de género

A Xunta adopta medidas e axudas destinadas a atención de vítimas de violencia de xénero

O Goberno galego segue mantendo todas as axudas e recursos para atender ás vítimas de violencia de xénero, entre as que se inclúen as prestacións económicas, o asesoramento psicolóxico.

Óscar Gómez

Ourense | 01.06.2020 08:48 (Publicado 01.06.2020 08:47)

Reunión do CIM
Reunión do CIM | Xunta de galicia

Co obxectivo de garantir todos os recursos de acollida a aquelas mulleres que os precisen durante a vixencia do Estado de Alarma os 15 Centros de Información á Muller (CIM) da provincia de Ourense participaron no Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero posto en marcha pola Secretaría Xeral de Igualdade. Ademais, e coincidindo co confinamento, o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución pola que se ampliou en 600.000 euros a dotación presupostaria das axudas de pago único dirixidas a atender ás vítimas da violencia de xénero, que deste xeito suma 1,2 millóns de euros.

O Goberno galego segue mantendo todas as axudas e recursos do seu orzamento para atender ás vítimas de violencia de xénero, entre as que se inclúen as prestacións económicas, o asesoramento psicolóxico, de asistencia social e xurídica dos CIM e, no seu caso, o funcionamento das casas de acollida.

Estas foron, entre outras, as cuestións avaliadas hoxe no transcurso dunha reunión por videoconferencia que mantiveron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, coas representantes dos Centros de Información á Muller da provincia e na que tamén quixeron coñecer as súas achegas e necesidades. Na nosa provincia permanecen operativos os CIM das Mancomunidades de Concellos de Santa Águeda, Municipios da Comarca de Veín, Intermunicipal de Conso-Frieiras, Terra de Celanova, e do Ribeiro, así como os dos concellos de Avión, Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Maceda, Muíños, Ourense, A Pobra de Trives, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.

“Ante a pandemia de coronavirus, todos os centros están funcionando, prestando atención por vía telefónica e telemática, e mesmo ofrecendo atención presencial naqueles casos de maior gravidade”, explicaron a secretaria xeral da Igualdade e a delegada territorial. Cómpre subliñar que a Xunta financia todos os anos o mantemento dos Centros de Información á Muller. En concreto, no que respecta á provincia ourensá os 15 centros existentes na última convocatoria recibiron máis 630.000 euros que contribuíron ao mantemento de 40 postos de traballo.

Ademais, mantéñense totalmente operativos os centros de acollida ata completar capacidade e tamén se acordou reforzar a colaboración coa Rede galega contra a trata para atender situacións de especial vulnerabilidade causadas pola crise do coronavirus. Ademais, o Plan de reforzo vixente inclúe, entre outras medidas, a ampliación do bono de alugueiro social para as vítimas de violencia de xénero, ata poder chegar a asumir a Xunta o pagamento do 100% do alugueiro, para paliar o impacto económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.

Marisol Diaz, na reunión do CIM
Marisol Diaz, na reunión do CIM | Xunta de galicia

Atención telefónica 24 horas

Tamén continúa activo servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900 400 273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que entran a través do 016. Ademais, opera con normalidade o asesoramento xurídico en liña e seguen operativas as terapias de apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como a través de sesións telemáticas ou telefónicas, ao igual que o contacto coas vítimas de violencia sexual.

Outro dos asuntos trasladados na xuntanza foi o feito de que o Goberno galego está a traballar no reforzo e reconfiguración dos programas de conciliación da vida laboral e familiar, apoiados pola Xunta, e que adquiren un papel esencial durante os próximos meses. A administración autonómica estuda fórmulas, en colaboración cos concellos, para seguir prestando estes apoios, de xeito especial agora que hai unha progresiva reincorporación á actividade laboral de moitas familias.