Crisis Coronavirus

Os socialistas de Ourense propoñen a Deputación que aprobe axudas para conciliacion familiar

Villarino asevera que “é hora de que a Deputación axilice a súa resposta ante a crise"

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 21.05.2020 08:51 )

Rafa Villarino | Psoe ourense

O PSdeG-PSOE propón que a Deputación de Ourense adopte o próximo 29 de maio unha importante batería de medidas a prol das familias e a educación por importe de 4,1 millóns de euros, ante as “imprevistas necesidades xurdidas en moitas familias polos problemas de conciliación e para rebaixar a fenda dixital que evidenciou o confinamento dos estudantes nas súas casas”. Unha moción que inclúe un investimento global de carácter social e económico de ata 20 millóns, reclama ó bipartito de Baltar e DO 2 millóns para axudas á conciliación e 2,1 millóns para a loita contra a fenda educativa e profesional ante as desvantaxes dixitais.

O voceiro dos socialistas, Rafa Villarino, asevera que esta proposta “se enmarca na mesma liña do que está a facer o Goberno do Estado” xa que “esta é a liña que queremos seguir e a Deputación Provincial ten que ser efectiva de inmediato porque o Estado xa o foi”. “O estado atopouse cun problema e resolveuno polo que é hora de que a Deputación de Ourense axilice a súa resposta e por iso pedimos que se articule un fondo de 20 millóns”, reclama antes de poñer o foco eno apartado da conciliación familiar “que vai ser máis necesaria que nunca este verán e tamén coa próxima incorporación ás clases”.

O PSdeG-PSOE recorda que esta medida xa estaba incluída no escrito rexistrado na deputación o pasado 26 de marzo, cunha prolixa relación de propostas para que a institución ampliara e mellorara a súa estratexia fronte á pandemia. “O igual que a Deputación no mediu ben as necesidades da veciñanza e por iso consideramos escasa e incompleta a súa estratexia”, destacan que “tamén nós erramos no alcance das impresións iniciais no referido á conciliación”, xa que “debemos ter en conta as necesidades dos cativos e das súas familias na etapa estival, así como cando se inicie o novo curso no que se teñan que incorporar, previsiblemente, en semanas alternas ao seo das clases”.

Tamén defenden esta medida para o “coidado familiar dos maiores e das persoas en situación de dependencia” polo que serán precisas “partidas de conciliación que non consideramos inicialmente”. A suma destes cambios implica unha partida significativamente superior á proposta hai case dous meses e que agora que cifran en algo máis de 2 millóns de euros.

No ámbito educativo, os socialistas resaltan un importante problema que “vén de evidenciar con moita claridide” a educación en liña que están a exercitar moitos estudantes e docentes: a fenda dixital das familias. A loita contra esta fenda, na súa opinión, require actuar en tres áreas concretas con axudas para a instalación de redes wimax ou mediante outras solucións tecnolóxicas que estendan a cobertura das sinais de telecomunicacións ao rural (1 millón); con fondos para contratos individuais de datos (300.000 euros) e con investimento público para a merca de equipos informáticos mediante 800.000 euros.