Elena Rivo, mostrou en San Cibrao das Viñas, na asemblea xeral da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), o apoio da Xunta para dar resposta ás súas demandas no eido laboral.
Na reunión, entre outros asuntos, abordouse a necesidade de dar resposta ás vacantes laborais que existen na actualidade neste sector, unha realidade para a que a Xunta conta con diferentes programas co reto de axustar a oferta á demanda de traballo. Os Bonos Talento Empresa, que aprobou o pasado xoves o Consello da Xunta, cun investimento de dous millóns de euros, apoiará en microempresas, pequenas empresas, autónomos e entidades do terceiro sector accións formativas de curta duración dirixidas a persoas traballadoras ocupadas por conta allea.
Esta iniciativa ponse en marcha no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, unha estratexia da que forma parte Apetamcor, coa que se pretende crear contornas de aprendizaxe permanentes para casar oferta e demanda a través de microformacións deseñadas polas propias empresas.
O programa Retorna Cualifica emprego busca, ademais, favorecer o regreso das galegas e dos galegos no exterior e, ademais, a Administración autonómica aposta na nova Lei de Igualdade por crear contornas de traballo atractivas, con boas condicións laborais que consigan reter o talento humano. A nova normativa regula por primeira vez nunha administración pública a sustentabilidade social empresarial, un concepto que contribúe a crear equipos diversos, multidisciplinares e máis competitivos e centrado no benestar laboral.
Na defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a Xunta tamén traballa para consolidar a presenza feminina no tecido empresarial, en especial naqueles sectores nos que teñen subrepresentación, como é o do transporte de mercadorías por estradas.