Cultura

A Rede de Auditorios retoma a súa actividade dende o 1 de Xullo

Manuel Baltar presidiu unha nova reunión do Consello asesor de Cultura, na que se abordaron, o Plan de reactivación cultural da provincia, o Plan de cooperación cultural cos concellos e as axudas a colectivos e para eventos culturais.

Óscar Gómez

Ourense |

Manuel Baltar, na reunión telemática do Consello asesor de cultura | Deputacion de ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe unha nova reunión do Consello asesor de Cultura da provincia de Ourense, un órgano impulsado polo goberno provincial que ten como obxectivo desenvolver, coa cooperación dos representantes culturais da provincia, un plan de reactivación do sector cultural en Ourense nesta fase de recuperación social e económica da crise do COVID-19.

A reunión telemática, na que Baltar participou desde o Pazo Provincial, contou coa presenza de 17 representantes culturais, e entre os temas que se trataron destacaron o reinicio da actividade da Rede de Auditorios da provincia, “salientando que desde o vindeiro 1 de xullo xa se permite a realización de eventos en espazos abertos e programando, sobre todo, actuacións de artistas ourensáns”, dixo o presidente Baltar, quen salientou que varios concellos “xa solicitaron axudas para o funcionamento de asociacións e a produción de espectáculos; e tamén estamos a traballar –comentou- para o desenvolvemento dunha revista cultural on line e tamén en edición impresa sobre la cultura de Ourense”.

Na reunión se analizaron aspectos para o desenvolvemento dun Plan de reactivación cultural da provincia e dun Plan de cooperación cultural cos concellos, así como as liñas de axudas a colectivos e para eventos culturais. No que atinxe ás achegas para actividades escénicas e musicais, Baltar explicou que esa orde de axudas -paralizada desde o inicio da pandemia- “xa está novamente operativa para que se poidan facer as peticións correspondentes”, e no referido ás axudas para festivais, ciclos e mostras -tamén paralizadas nesta etapa-, explicou que na próxima xunta de goberno, a vindeira semana, “tomaremos o acordo de reactivar esta orde, ampliando unha semana máis o prazo para cumplimentar as solicitudes”.

Manuel Baltar informou que a Deputación de Ourense ten previsto desenvolver para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes “un plan de cooperación para que todos conten cunha axuda para temas culturais”, medida que se levará ao pleno do vindeiro mes de xullo. Ademais, o presidente informou de que se están a estudar outro tipo de actividades culturais e recreativas que se poidan desenvolver en diferentes puntos da provincia, en función da situación actual e das condicións sociais e hixiénico-sanitarias, e puxo como exemplo a MITEU, “a cal nos comprometemos apoiar e así o faremos, tanto economicamente como coa cesión do Teatro Principal, para os eventos que programe a MITEU”, confirmou Baltar.

O presidente tamén se referiu ao “Gaiteiro da Catedral”, “á homenaxe mundial permanente ás vítimas do COVID-19, que a Deputación de Ourense está a organizar conxuntamente co Bispado e a Catedral de Ourense, e que se converterá nun símbolo da cidade e da provincia”, expresou Baltar, salientado que en breve “terá lugar o acto inaugural deste evento, a partir do cal, todos os días ás 11.30 horas un gaiteiro ou gaiteira subirá á torre da Catedral e desde alí interpretará unha melodía en lembranza e como homenaxe ás vítimas do COVID-19 no mundo, unindo neste acto a música d o instrumento senlleiro de Ourense –a gaita-, co patrimonio histórico que supón a catedral e a solidariedade”.