Ourense Cidade

O Psoe reclama o PP que "deixe de branquear" a Jácome

Juan Carlos Francisco denuncia a “falta de responsabilidade” dos conservadores, centrados en “branquear a un alcalde que pasou de letal a honorable para soster o fráxil poder municipal de Feijóo”

Óscar Gómez

Ourense | 05.05.2021 08:08

Juan Carlos Francisco, en Ourense
Juan Carlos Francisco, en Ourense | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense reclama aos responsables do Partido Popular que “deixen de facer o ridículo repartindo carnés de honorabilidade” entre a corporación municipal, co “fin de branquear a Gonzalo Pérez Jácome” e “salvar así os mobles do partido”, mentres manteñen á terceira cidade de Galicia “bloqueada no abismo”.

O secretario de organización provincial, Juan Carlos Francisco, denuncia a “absoluta falta de responsabilidade” dos conservadores, centrados agora en “branquear a un alcalde” que “pasou de letal a honorable para soster o fráxil poder municipal de Feijóo”. “O Partido Popular está desnortado tras obter os peores resultados electorais da súa historia e teñen aos ourensáns como reféns das súas leas na capital ourensá”, advirte o secretario.

“A falta de líder local sólido, estratexia e plan de cidade, provocou que o único proxecto político do PP sexa darlle brillo a Jácome ata convertilo no seu gran referente municipal en Galicia”, resalta o secretario de organización.

Francisco cuestiona as últimas “loas” do secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, coas que “bendí a desfeita de Jácome”. “Estamos ante unha nova ofensa contra Ourense do número dous de Feijóo”, polo que insta ao presidente da Xunta “a vir dunha vez á Praza Maior a explicar con claridade e de viva voz, se está do lado do caos provocado polo alcalde letal ou do lado dos demócratas que queremos darlle futuro á cidade e á veciñanza”.

“Ante a grave situación económica, social e política” na que se atopa a urbe, “debemos esixirlle ao PP que se comprometa coa veciñanza apartando a un alcalde deleterio” para decenas de miles de persoas tras “dous anos de desfeita continuada”. “O Partido Popular é o ideólogo da maior campaña de esmagamento que viviu a cidade de Ourense nunca”, conclúe o líder socialista.