Educación

O Psoe esixe a Xunta que aumente o persoal do centro CPI José García de Mende

O Psoe denuncia os recortes en Educación que está a padecer outro centro de referencia na cidade como é o CPI José García García, situado en Mende.

Óscar Gómez

Ourense | 10.10.2023 07:50

Centro CPI José García de Mende
O Psoe esixe a Xunta que aumente o persoal do centro CPI José García de Mende | La Región

Fanse eco, deste xeito, do malestar amosado polos pais e nais do colexio público que sinalan como “insuficiente” o persoal do que dispoñe o alumnado do colexio con necesidades especiais. Neste senso, a deputada no Parlamento galego Carmen Dacosta explica que xa se rexistraron iniciativas para que a Xunta de Galicia atenda as reivindicacións das familias que esixen un trato xusto e igualitario para os seus fillos. “Na actualidade hai 15 nenos e nenas matriculados con necesidades especiais, dos cales 8 presentan unha dependencia total e 5 empregan cadeira de rodas”, destaca a socialista.

“As coidadoras están desbordadas de traballo e fan un esforzo titánico que é de agradecer. Pero pese a elo é necesario que a plantilla se reforce polos labores fundamentais que realizan. Dar de comer, cambios de roupa ou desprazamentos con grúa son algunhas das súas tarefas diarias”, incide a deputada.

Do mesmo xeito que acontece co CEIP A Ponte, os e as socialistas reclaman que a Xunta de Galicia estude a situación dos centros polo miúdo e se reúna cos pais, nais e equipo directivo para dar solucións con prontitude e garantir “o dereito a unha educación de calidade e igualitaria” para todos e todas.

Así as cousas, os e as socialistas presentaron varias preguntas para a súa resposta, por escrito e de xeito oral por parte do Executivo autonómico, e unha proposición non de lei na que instan ao Goberno de Rueda a atender as peticións das nais e pais dos alumnos e alumnas con necesidades especiais do CPI José García García, incorporando de xeito inmediato unha praza de coidador máis ao cadro de persoal do centro.

Dende o grupo municipal socialista lamentan que haxa que insistir continuamente para que os nenos e nenas de Ourense reciban unha educación de calidade e en igualdade de condicións, e convidan ao presidente autonómico a visitar as instalacións para coñecer a realidade do centro, o alumnado e o persoal de primeira man.