25N

O Psoe denuncia a falta de sensibilidade e desidia do bigoberno no día da loita contra a violencia machista

Os socialistas critican que o acto institucional organizado polo Concello de Ourense, é “insuficiente” e esixen unha maior “implantación e planificación” na programación para este día.

Óscar Gómez

Ourense | 25.11.2021 13:01

O Psoe presenta unha batería de propostas para os actos do 25N
O Psoe presenta unha batería de propostas para os actos do 25N | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense critica que o acto institucional do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra ás Mulleres, organizado polo Concello de Ourense, é “insuficiente” e pide unha maior “implantación e planificación”, por parte do goberno do PP e DO, na programación municipal para este día. Os socialistas denuncian que este “é un exemplo máis” da falla de sensibilidade, o desprezo e a desidia en canto á aposta real e o compromiso coa igualdade e a loita contra a violencia machista.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que “fomos os únicos que propuxemos unha batería de propostas” para a programación municipal para conmemorar o 25 de novembro, pero manifestan que “todas foron desbotadas e adiadas cara o futuro, segundo manifestou a concelleira delegada, Eugenia Díaz Abella”. Para os socialistas esta é unha mostra máis do “escaso interese” de Jácome e o PP na loita da muller por reivindicar os seus dereitos e por rematar coa lacra da violencia machista.

Os socialistas presentaron un amplo programa entre os que se incluía: a posta en valor do Parque do 25-N de Reza como lugar de referencia neste día; reactivar o rueiro feminino, actualmente paralizado polo equipo de goberno; a realización dun mural de grafitti de temática feminista; a posta en marcha xa da elaboración do IV Plan para a Promoción da Equidade de Xénero 2021-2024; ou a descentralización e reconfiguración da celebración das concentracións mensuais de repulsa contra a violencia machista, ante a escasa participación cidadá nas mesmas. “Todas estas propostas foron directamente a un caixón, froito do desleixo de Jácome e da concelleira Díaz Abella”.

O PSdeG-PSOE de Ourense aproveita tamén para censurar, “unha vez máis”, os últimos acontecementos acaecidos dentro do equipo do “desgoberno municipal” e onde o alcalde pretendía destinar fondos da concellería de igualdade ao financiamento da participación dunha atleta na carreira do San Martiño, “vendendo así a súa hipócrita e falsa aposta polo deporte feminino na cidade”. Unha conduta, que en palabras dos socialistas, “é totalmente censurable” e da que din “trataba de esconder unha contratación irregular e que nada ten que ver coa promoción da igualdade e moito menos co apoio ao deporte feminino ourensán”.

Os socialistas ourensáns consideran que si se ten que “materializar” a contratación de máis persoal e a asignación dun “maior orzamento” á concellería de igualdade e apuntan que “deben crearse partidas e fondos para un traballo rigoroso de apoio ao deporte feminino en Ourense”. Un ámbito no que dende o GMS apuntan a que “queda moito por facer”, pero dende logo “non será en base aos dictámenes de Pérez Jácome, un rexedor que non cree na igualdade, nin na loita contra a violencia machista e cuxo único obxectivo segue a ser o desmantelamento dos servizos e recursos dependentes desta concellería co fin de acadar a súa desaparición no que resta de mandato”. Levarán estas peticións a próxima reunión do Consello Municipal de Igualdade.

O PSdeG-PSOE de Ourense participará nas concentracións e convocatorias de repulsa contra a violencia machista organizadas na cidade por outras organizacións ou colectivos, porque segundo afirman “é máis necesario ca nunca axudar a darlle visibilidade a esta grave problemática e loitar por combatela dende todas as frontes no noso día a día”.