Feijoo abandona o sector industrial de Ourense
O PSOE sinalou que “Ourense non merece este abandono de Feijóo” e recordou que “traballadores e empresas da provincia saben que non é un aliado do noso sector industrial tras tantos anos de abandono”
O PSdeG-PSOE denunciou hoxe “unha década de aniquilación da industria de Ourense” trala sucesión de “políticas de Feijóo centradas na venta de fume” e “no escapismo das súas responsabilidades”. Desde o polígono industrial da Uceira do Carballiño, onde a candidatura socialista visitou as empresas Dizmar e Gri Towers Galicia, insistiron na necesidade dun “cambio inmediato na Xunta” co fin de “sacar á provincia do buraco negro onde a meteu o PP tras unha década de Feijóo e trinta anos de baltarismo”.
A candidata número 1 ao Parlamento de Galicia, Marina Ortega, sinalou que durante os últimos 11 anos vivimos “unha década de aniquilación da industria” da provincia “trala sucesión de políticas de Feijóo centradas soamente na venta de fume electoral” e no “escapismo” das súas responsabilidades. Tamén recordou que a Xunta ten, segundo o Estatuto de Autonomía, competencia exclusiva neste ámbito.
Os socialistas recordan que a única actuación do PP en materia industrial na provincia foi “o fume que trouxo a Ourense en forma de anuncios fracasados e factorías pechadas”, como a fábrica de coches eléctricos chinos en Melón; a vidreira e a gran factoría cárnica de Xinzo; o polígono industrial do motor en Verín; a base de avións militares de Trasmiras; ou peche de T-Solar en San Cibrao das Viñas tras recibir decenas de millóns en axudas públicas.
“Ourense non merece o abandono de Feijóo en políticas industriais”, destacou Ortega antes de aseverar que “os traballadores, as traballadoras e as poucas grandes industrias instaladas na nosa provincia son conscientes de que Fejióo non é un aliado do sector industrial tras tantos anos de abandono” que “acabaron coa provincia nun buraco negro”.
Fronte a esta “inacción”, a candidata destacou que un goberno progresista en San Caetano “situaría as necesidades industriais de Ourense no foco central doConsello da Xunta”, do mesmo xeito que xa fixo o Goberno central que “está a traballar día a día para buscar solucións á situación de crise que deixa o Partido Popular pola súa incompetencia”. Ortega lembrou que a política enerxética do PP en contra das enerxías renovables tamén prexudicou gravemente a moitas das empresas de Ourense que fabrican compoñentes para instalacións eólicas.
“A única política industrial de Feijóo foron os reiterados titulares sobre barcos de Pemex, un fracaso absoluto porque nunca máis se soubo diso e, ademais, estaba planificado a centos de quilómetros de Ourense", concluíu.