Cultura

“Os postulados de Nós: unha terra, un pobo e unha fala, seguen válidos e vixentes”

No acto, celebrado no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, os representantes das fundacións Castelao, Losada Diéguez, Otero Pedrayo e Vicente Risco, recibiron o galardón de mans do presidente da Deputación de Ourense

Óscar Gómez

Ourense | 02.11.2020 08:42

“Os postulados de Nós: unha terra, un pobo e unha fala, seguen válidos e vixentes”
“Os postulados de Nós: unha terra, un pobo e unha fala, seguen válidos e vixentes” | onda cero ourense

As catro fundacións que defenden o legado de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Losada Diéguez e Castelao, recibiron esta tarde o Premio “Otero Pedrayo” 2020, nun acto celebrado no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense. Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, quen entregou os galardóns xunto ao delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, dixo no seu discurso que o pulo, o espírito e os postulados da Xeración Nós: unha terra, un pobo e unha fala, “perviviron ata a transición democrática e foron os alicerces que urdiron o noso autogoberno; hoxe seguen a ser válidos e vixentes. Todas as forzas políticas galegas deben telos moi presentes, non só como legado, tamén como camiño”.

Neste sentido, o presidente Baltar destacou que “esa foi a motivación da proposta da Deputación de Ourense: honrar a quen honra. Contribuír a unha maior difusión das obras e do fecundo labor patriótico de Vicente Risco, de Antón Losada Diéguez, de Ramón Otero Pedrayo e de Alfonso Rodríguez Castelao, a través das súas respectivas fundacións que, con encomiable traballo, nos achegan -sobre todo á mocidade actual- á vida e os libros duns homes irrepetibles. E tampouco quixemos esquecer a memoria do pai da nosa arqueoloxía, Florentino López-Cuevillas e a palabra do poeta da Raza, Ramón Cabanillas”.

A proposta para o galardón desta edición fora formulada, precisamente, por Manuel Baltar na reunión do xurado, na que defendeu “o esforzo e dedicación que levan a cabo estas fundacións para manter vivo o pensamento e a obra destes grandes das nosas letras, intelectuais da Xeración Nós, que puxeron a Galicia en Europa”, afirmou Baltar.

No seu discurso, hoxe, o presidente da Deputación de Ourense dixo que para o goberno provincial “este acto de entrega dun galardón instaurado en 1977 por iniciativa das catro deputacións de Galicia adquire unha significación especial. Tal día coma hoxe, hai cen anos e nesta cidade, aparecía, “pra ledicia de todos e pra ensino de moitos”, Nós, o Boletín Mensual da Cultura Galega, Órgao da Sociedade Galega de Pubricaciós”.

“Se a esta conmemoración lle engadimos a emoción de celebrala neste paraninfo, no Instituto no que estudaron tres dos grandes ourensáns daquela xeración, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López-Cuevillas e no que tamén foron profesores Antón Losada Diéguez e o propio Otero Pedrayo, non esaxero se afirmo que estamos facendo historia”, expresou Manuel Baltar, engadindo que “a ourensanía, como a definiu Luís González Tosar, constitúe unha peculiaridade, o noso sentimento de pertenza á Terra Nai, parte substancial desta nación cultural que chamamos Galicia, estendida por todo o mundo. Os ourensáns experimentamos ese sentimento alí onde nos atopemos, dentro ou fóra, e manifestámolo sempre con orgullo, transformándoo, cada quen na medida das súas posibilidades, en accións que teñen contribuído ás diversas esferas da actividade humana, moi especialmente no eido cultural”, afirmou Manuel Baltar.

O acto, que contou coa laudatio por parte de Luis González Tosar, tivo o seu momento central na entrega de galardóns, que foron recibidos: por parte da Fundación Castelao, por Carlos Mella; pola Fundación Losada Diéguez, por Patricia Torres; pola Fundación Otero Pedrayo, por Juan Luis Saco, e pola Fundación Vicente Risco, por Luis Martínez-Risco. A parte musical do acto correo a cargo de Aurum Ensamble.