Economía

Ourense, primeira en pór en marcha unha estratexia provincial de fondos europeos

Manuel Baltar presentou, nun acto con presenza de alcaldes da provincia, esta iniciativa que ten como obxectivo captar máis de 85 M€ para desenvolver proxectos baseados na “economía verde”, nas áreas de turismo, reto demográfico, termalismo, infraestruturas e innovación.

Óscar Gómez

Ourense | 02.07.2021 10:13

Ourense, primeira en pór en marcha unha estratexia provincial de fondos europeos
Ourense, primeira en pór en marcha unha estratexia provincial de fondos europeos | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe, a “Estratexia de captación de financiamento europeo para a provincia de Ourense. Período 2021-2027”, “unha iniciativa coa que Ourense se converte na primeira provincia de España en pór en marcha un plan provincial específico para atraer fondos europeos”. En concreto, estímase en máis de 85 millóns de euros o montante económico ao que ascenden os proxectos, todos eles baseados na “economía verde” e que abranguen as áreas de turismo, reto demográfico, termalismo, infraestruturas e innovación.

“Son proxectos que encaixan cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), pensados en clave de provincia para reactivar a economía dos municipios, nunha etapa na que temos que recoñecer o gran traballo realizado polos concellos durante a pandemia”, afirma Baltar, quen sinala que a planificación “é fundamental para estar en primeira liña para poder captar non só os fondos Next Generation para la reactivación económica senón tamén outras importantes partidas orzamentarias contempladas no plan plurianual da Unión Europea”.

Baltar fixo fincapé na importancia de que a Deputación de Ourense “presida e forme parte das redes e asociacións máis importantes do ámbito nacional e internacional europeo”, citando á FEMP, a Fundación Democracia e Goberno Local, Partenalia, a Asociación de Cidades Históricas Termais e o Eixo Atlántico, entre outras, “o que posibilita un contacto directo coa realidade de Madrid e Bruxelas”, expresou o presidente da Deputación.

De feito, a institución provincial xa está a desenvolver proxectos de relevancia como o Raia Termal, o EmprendOU e a iniciativa “Ourense, destino turístico intelixente”, proxecto no que Ourense foi unha das catro provincias de España que conseguiu financiamento comunitario para esta iniciativa de “turismo á carta” que significará que cando chegue a Alta Velocidade, en semanas ou meses, estaremos a pouco máis de dúas horas de Madrid”, comentou Baltar, sinalando que iso “vai supoñer un salto importante, cualitativa e cuantitativamente”.

Manuel Baltar agradeceu a quen fixeron posible o desenvolvemento desta estratexia de fondos europeos, “a todos aqueles que propuxeron iniciativas dentro da corporación provincial, desde o grupo do BNG, a Democracia Ourensana e á deputada non adscrita, que fixeron chegar as súas aportacións e participaron en xuntanzas coa consultora e cos técnicos da casa, a quen tamén agradezo moito, ao igual que ao deputado Jorge Pumar e ao persoal directivo da Deputación”.

O “emprego verde” é un dos puntos fundamentais desta estratexia. Forma parte dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, “un ámbito da sustentabilidade do que falábamos onde na presentación do novo estudo do Observatorio Económico Ourensán, que reflicte que Ourense é a provincia que lidera en Galicia o “emprego verde”, que ten moito que ver coa economía circular e con algúns dos proxectos tractores que está previsto levar a cabo, e xa son máis de 8.000 os postos de traballo vencellados á “economía verde” na provincia de Ourense”, destaca Baltar, quen remarca que a Deputación de Ourense “é a aliada dos concellos da provincia, e por iso lanzamos esta estratexia e estamos preparados para, cando se abra esa posibilidade dos novos fondos europeos, axudar en clave de provincia aos municipios a facer realidade estes proxectos”.

Acto de presentación da Estratexia de captación de financiamento europeo para Ourense
Acto de presentación da Estratexia de captación de financiamento europeo para Ourense | onda cero

Proxectos

Adolfo Neira, de Eosa Consultores, foi o encargado de presentar os detalles dun documento que será a guía da Deputación de Ourense para concorrer de modo máis coordinado e áxil á captación de financiamento europeo, procedente tanto dos fondos Next Generation como do novo marco financeiro plurianual 2021-2027. Esta planificación define sete eixos de traballo con quince proxectos tractores e tres instrumentos de xestión para afrontar o gran desafío da provincia: o envellecemento demográfico e o crecente despoboamento de pobos e aldeas. O investimento previsto alcanza os 85,3 millóns de euros, aínda que tamén se establece un máximo de 143,8 millóns en función das decisións que se adopten para o novo período de financiamento.

Os eixos de traballo e os proxectos tractores son os seguintes:

Provincia verde:

• Ourense senda verde, cunha rede de sendas peonís que conectan localidades e de modo singular recursos termais. Orzamento: un mínimo de 6 millóns de euros e un máximo de 12.

• Saneamento integral para o 100 % dos núcleos de poboación e garantir no 2030 eficiencia das redes de abastecemento rurais. 8 millóns de euros.

• Axencia provincial da sustentabilidade, para asesorar aos concellos na captación de fondos para proxectos de eficiencia enerxética en instalacións públicas, reducindo ata un 30 % o consumo no ano 2030. 2 millóns de euros achegados pola axencia e 20 millóns en recursos captados.

Provincia Dixital:

• Ecosistemas de innovación rural, para garantir o acceso a internet e á telexestión de infraestruturas e servizos municipais en todos os municipios rurais de menos de 5.000 habitantes no 2030. Proxecto piloto para A Baixa Limia: 6.850.000 euros

• HUB Dixital, coa creación de 11 comunidades de emprendemento tecnolóxico en outras tantas zonas rurais que acheguen solucións aos grandes retos do territorio. 5,5 / 11 millóns de euros.

• Concellos 365, para capacitar a máis de 500 empregados públicos municipais na administración dixital e que o 90 % das entidades locais estean integradas nunha plataforma única de xestión. 3/5 millóns de euros.

Provincia en transición cara a unha mobilidade sostible

• Transporte a demanda, con proxectos piloto mediante taxis eléctricos ou híbridos, con reserva previa e tarifa plana e única. 2/3 millóns de euros.

• Mobilidade turística sostible (mobilidade eléctrica, aparcamentos disuasorios, autobuses lanzadeiras) a implantar en catro espazos turísticos, iniciando o proxecto cun plan piloto na Ribeira Sacra. 1/2 millóns de euros.

Provincia transformadora

• Ourense orgánico, incrementando un 10 % a produción ecolóxica, con catro centros de transformación para o sector primario e potenciando a comercialización en circuítos de proximidade. 2/4 millóns de euros.

Provincia Destino Sostible

• Ourense turismo sostible, coa captación de fondos para plans de sustentabilidade nos catro activos turísticos principais: termal, natureza, patrimonio e viño. 3/9 millóns de euros.

• Gran hotel termal de Ourense, no Pazo Provincial, cunha oferta turística baseada no aproveitamento do patrimonio arquitectónico e os recursos termais. 25 millóns de euros de investimento no hotel e 15 para a nova sede da Deputación.

Provincia coidadora

• Teleasistencia 360, cun sistema integral que se adapte á demanda e ás necesidades das persoas e optimice a asistencia a domicilio. 2/5 millóns de euros.

• HUB da economía do coidado aos maiores, convertendo á provincia en referencia española no desenvolvemento tecnolóxico e o emprendemento na atención ás persoas maiores. 3/5 millóns de euros.

• Unidade móbil provincial de igualdade, poñendo a disposición dos pequenos municipios rurais os servizos e recursos da Deputación en materia de igualdade. 1 millón de euros.

Provincia estratéxica

• Oficina de reto demográfico, co deseño e execución de políticas que mitiguen o despoboamento e ofrezan atención e asesoramento ao emigrante retornado a Ourense.

• Investimento Territorial Integrado de Ourense (ITI) 2021-2027, como instrumento de planificación e execución dos investimentos relacionados coa estratexia para o reto demográfico.

Agrupación Europea de Cooperación Territorial, entre a Deputación de Ourense e as comunidades intermunicipais do Alto Támega e Terras de Tras Os Montes, incluíndo a eurocidade Chaves-Verín, para garantir a captación de fondos europeos.