Caso Baltar

Carme da Silva: 'Baltar debería ter sido cesado o propio día que circulou a 215 km/h'

'As persoas non poden estar por riba das institucións, os cargos públicos deben ser exemplares' asevera da Silva.

Óscar Gómez

Ourense | 25.04.2024 08:17

Carme da Silva: 'Baltar debería ter sido cesado o propio día que circulou a 215 km/h'
Carme da Silva: 'Baltar debería ter sido cesado o propio día que circulou a 215 km/h' | Europa Press

Ante a aprobación do suplicatorio de Baltar na cámara alta, a senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que esta situación 'nunca se tería que ter producido' porque 'o que foi Presidente da Deputación de Ourense debería ter sido cesado o propio día que circulou a 215 km/h'.

Os feitos polos que está sendo investigado o antigo presidente do PP de Ourense remóntanse ao pasado 23 de abril de 2023 cando, sendo presidente da Deputación, Baltar foi interceptado a 215 quilómetros por hora na A-52. Segundo o informe da Garda Civil de Tráfico, ía ao volante dun coche propiedade do organismo provincial.

Estes feitos converten a Baltar nun perigro público

“Estes feitos constitúen, de por si, unha barbaridade e unha vergoñenta irresponsabilidade que converten a Baltar nun perigo público” asevera a senadora do BNG. Ante a aprobación do suplicatorio no Senado, Carme da Silva sinala que “Baltar debería ter sido cesado ou dimitido o propio día en que circulou a esa velocidade mais a súa irresponsabilidade, co beneplácito e o apoio do seu partido, levaron a esta situación”.

“As persoas non poden estar por riba das institucións, os cargos públicos deben de ser exemplares e é unha absoluta vergoña para todos os galegos e galegas que esta persoa fose premiada polo Partido Popular converténdoo en senador por designación autonómica” denuncia da Silva. Frente a esta actitude de Baltar e o silencio indignante do PP, o BNG ten claro que “ninguén é impune e que non todo vale”.