Os socialistas ourensáns manifestaron satisfacción pola resolución do Ministerio de Transportes de ampliar carrís na estrada N-120 entre a capital e Os Peares.
O PSdeG-PSOE estima que esta é unha actuación moi necesaria para mellorar a seguridade viaria, facilitar adiantamentos e para mellorar as comunicacións e os tempos de desprazamento.
Así o salientaron o a deputada Marga Martín e o Senador Rafael Villarino enfatizando o compromiso do goberno central con Ourense. Afirman que este investimento solucionará unha “eiva histórica” nunha estrada que entre Ourense e Os Peares tan só permite o adiantamento nos dous últimos quilómetros a saída da capital. Os representantes dos e das socialistas ourensáns en Madrid poñen de manifesto que esta actuación “é moi necesaria para mellorar a seguridade viaria, para facilitar adiantamentos e para mellorar as comunicacións e os tempos nos desprazamentos”.
Trátase dunha intervención sobre un tramo de 4,22 kms no que serán investidos perto de 6 millóns de euros. Os traballos consisten no acondicionamento de intersección e na implantación de carrís adicionais en tres tramos de dita estrada, situados nos municipios de Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín.
Para solucionar os problemas de adiantamento na N-120 levarase a cabo a execución de carrís adicionais nos seguintes tramos:
- TRAMO 1: qm 551,220 ao 552,950 sentido Ourense.
- TRAMO 2: qm 556,280 ao 557,410 sentido Monforte.
- TRAMO 3: qm 559,740 ao 561,170 sentido Ourense.
As interseccións nas que se actuará corresponden son as seguintes:
- No quilómetro 550,8 construirase unha intersección en T canalizada sen carril central de espera. Permitirá catro movementos, con xiros a esquerda e presentando cuñas reducidas de cambio de velocidade.
- No quilómetro 558,2 levarase a cabo una intersección en T canalizada sen carril central de agarda. Permitirá tres movementos, presentando cuñas reducidas de cambio de velocidade.