No eido da restauración hidrolóxica están aplicándose medidas para estabilizar o chan e favorecer a infiltración, limitar a escorrentía e reducir a chegada de sedimentos ao leito dos ríos. Naquelas áreas onde non foi preciso realizar mulching optouse por executar rozas manuais de matogueira queimada para deixala abatida no chan.
Luisa Piñeiro sinalou que, en relación coa mellora de hábitats, na actualidade se están a seleccionar brotes rexenerados de frondosas para realizar a sementeira de herbáceas e recuperar así os pasteiros. Deste xeito, o investimento previsto para realizar estas actuacións no municipio de Chandrexa de Queixa é de preto de 300.000 euros.
9,5 millóns de euros para actuacións hidrolóxico-forestais
Cabe sinalar que estes traballos están a levarse a cabo ao abeiro da colaboración da Xunta de Galicia co Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (Miteco) para impulsar actuacións de restauración hidrolóxico-forestal por importe de 9,5 millóns de euros.
No marco desta iniciativa tramitáronse 13 expedientes nas zonas afectadas polos incendios de Larouco, Oímbra, Chandrexa de Queixa, A Mezquita e Carballeda de Valdeorras, cuxas actuacións foron determinadas polos técnicos da Consellería do Medio Rural tras identificar o Ministerio as zonas dos incendios onde intervir.
Todas as actuacións executadas teñen como finalidade principal a estabilización e protección do solo fronte a procesos erosivos, a corrección hidrolóxica en zonas de forte pendente, a restauración de infraestruturas forestais danadas, así como a recuperación da cuberta vexetal en áreas prioritarias.

