Obras de reforma

O Goberno inviste máis de 6M€ no Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar

O subdelegado subliña que estas actuacións exemplifican o compromiso do Goberno cun sistema penitenciario “seguro e moderno”.

Onda Cero Ourense

Ourense |

O Goberno inviste máis de 6M€ no Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar
O Goberno inviste máis de 6M€ no Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar | onda cero

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, supervisou o estado das obras de reforma do Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, nas que o Goberno inviste máis de 6M€. “Estas actuacións suporán a modernización e renovación integral deste centro, que será máis seguro e sostible”, remarcou o subdelegado, que estivo acompañado do director do penal, Francisco González.

O subdelegado comprobou o avance das dúas actuacións que se están a executar nestes momentos no centro penitenciario: unha de reforma do centro da Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (Siepse), adxudicada a Extraco por 2.601.351 euros (con impostos); e outra da Sociedade Mercantil Estatal de Xestión Inmobiliaria do Patrimonio (Segipsa) para a mellora da eficiencia enerxética, financiada con fondos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformacion e Resiliencia, e adxudicada a Proyecon Galicia por 3.630.000 euros.

Durante a visita, Eladio Santos destacou o compromiso do Goberno de España cun sistema penitenciario “seguro e moderno”. “A renovación integral do centro supón maiores medidas de seguridade, ao tempo que se melloran as condicións tanto para os traballadores e traballadoras como para os internos e internas, con espazos máis dignos e funcionais, adaptados ás necesidades futuras”, subliñou.

Ademais, o subdelegado puxo en valor que esta inversión implicará un maior aforro enerxético. “Estas obras incorporan criterios de eficiencia enerxética, que farán do centro un edificio máis sostible e cun menor impacto ambiental”, apuntou.

Avance dos traballos

Ata o momento, os traballos máis relevantes executados consistiron na substitución das ventás, o recubrimento da fachada de SATE e a impermeabilización da cuberta no módulo 3, así como a substitución do valado en todo o centro e a instalación de paneis fotovoltaicos. Así mesmo, a separación de pluviais está executada a un 95 %.