Premio Otero Pedrayo

As fundacións que defenden o legado de Risco, Otero, Losada Diéguez e Castelao, Premio “Otero Pedrayo” 2020

A proposta de galardón foi formulada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar

Óscar Gómez

Ourense | 22.10.2020 08:47

As fundacións que defenden o legado de Risco, Otero, Losada Diéguez e Castelao, Premio “Otero Pedrayo” 2020
As fundacións que defenden o legado de Risco, Otero, Losada Diéguez e Castelao, Premio “Otero Pedrayo” 2020 | Cultura.gal

As catro fundacións que defenden o legado de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Losada Diéguez e Castelao, recibirán o Premio “Otero Pedrayo” 2020, así o acordou hoxe o xurado do galardón, reunido por videoconferencia, logo de escoitar a proposta formulada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na que defendeu “o encomiable esforzo e dedicación que levan a cabo estas fundacións para manter vivo o pensamento e a obra destes grandes das nosas letras, intelectuais da Xeración Nós, que puxeron a Galicia en Europa”, afirmou Manuel Baltar, quen lle comunicou por teléfono aos máximos representantes das respectivas fundacións o fallo do xurado.

Así mesmo, Baltar propuxo ao xurado senllas mencións de honra para o Museo Arqueolóxico de Ourense, “institución de carácter público que soubo recoller o maxisterio de Florentino L. Cuevillas”, e para o Concello de Cambados, “sustentador do museo na casa natal de Ramón Cabanillas, no barrio de Fefiñáns”.