Medio Forestal

Feijoo aspira a impulsar o sector forestal

Feijóo salienta que o proxecto para construír a primeira fábrica de viscosa en Galicia, cun investimento de 950 M€, permitiría a contratación de máis de 1.000 persoas

Óscar Gómez

Ourense |

Feijoo aspira a impulsar o sector forestal | onda cero

Durante a presentación do Foro Next Generation Galicia-Industria Forestal, Feijóo destacou que o primeiro bloque está vinculado á procura da xestión respectuosa dos montes galegos a través da posta en marcha dun proxecto que ten como obxectivo a produción sostible de fibra téxtil a partir de madeira certificada. “Estamos a falar de construír a primeira fábrica de viscosa na Comunidade que, cun investimento aproximado de 950 millóns de euros, se baseará na xestión forestal sostible e certificada, co obxectivo de que esa fibra téxtil estea homologada ás demandas das multinacionais”, dixo, precisando que esta iniciativa permitirá xerar unhas 250.000 toneladas de fibra de celulosa sostible anuais e un consumo de 1,5 millóns de metros cúbicos de madeira por ano.

Ademais de asegurar que esta iniciativa permitiría a contratación de máis de 1.000 persoas no contexto da fábrica, Feijóo subliñou que este proxecto está vinculado con outros relacionados coa boa gobernanza dos montes veciñais en man común, coa creación de áreas cortalumes e coa mellora do Servizo de prevención e defensa contra os lumes forestais, cun orzamento que supera os 200 millóns de euros.

No tocante ao segundo bloque, denominado Tech Madeira, avanzou que está centrado na dixitalización e na ecoinnovación da industria forestal, así como na construción en madeira. “En total estamos a falar de 4 proxectos que suman un investimento de 38 millóns de euros”, dixo, precisando que o primeiro deles -26 M€- se centra no impulso da construción con madeira en edificios de contornas urbanas, rurais e industriais.

O segundo proxecto -4 M€- implicaría desenvolver unha planta piloto de novos materiais sostibles derivados da madeira, con aplicación na industria estratéxica galega no Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira). E o terceiro proxecto –4 M€- consistiría no impulso do ecodeseño, a economía circular e a ecoinnovación, co obxectivo de achegar axudas dirixidas a empresas para mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro, reducir o consumo de materias primas, xerar actividades empresariais sostibles e consolidar a colaboración entre empresas. E o cuarto proxecto deste bloque tería que ver coa dixitalización da industria forestal -4 M€-, coa vista posta en mellorar a competitividade.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou que os proxectos presentados están aliñados cos obxectivos da Unión Europea e que, polo tanto, contribuirán ao desenvolvemento do rural galego, xerando emprego e fixando poboación; ao uso eficiente dos recursos; a complementar a cadea de valor da industria forestal galega; e á descarbonización do tecido industrial en favor das enerxías renovables. Neste sentido, agradeceu a colaboración mostrada ata agora pola industria forestal, á que convidou a presentar as súas achegas para a solicitude final que se presente aos fondos europeos de recuperación.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, debullou polo miúdo o contido do proxecto de produción sustentable de fibra téxtil de orixe forestal. Destacou que a materia prima procederá da xestión forestal sostible e certificada e que a ela sumaranse, ademais, subprodutos doutros procesos e residuos, tales como papel ou cartón. Isto supón, tal como explicou González, un exemplo de economía circular, que se ve reforzado tamén polo feito de que a materia prima terá orixe local, reducindo así a pegada de carbono. En definitiva, dixo, trátase de impulsar a biodiversidade e de pechar o círculo do aproveitamento da madeira na nosa Comunidade.

A maiores, o conselleiro salientou a importancia destas iniciativas no impulso ao sector forestal da nosa Comunidade. Enmarcou este traballo no contexto do Plan Forestal que -indicou- é unha ferramenta clave para definir o monte que queremos para os vindeiros 20 anos. Un instrumento que se está a tramitar na procura do máximo consenso posible coas organizacións que compoñen o sector forestal de Galicia e coa sociedade galega en xeral, e que pretende garantir a sostibilidade da nosa riqueza forestal, tanto desde o punto de vista económico como social e ambiental.

Un sector de futuro e con enorme potencial

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta tamén aseverou que o sector forestal ten moito futuro e enorme potencial; e incidiu na necesaria colaboración de todo o sector da madeira. Ao respecto, recordou que Galicia produce o 50% da madeira que se corta en España; a cadea monte-industria supón o 12% do emprego industrial; ao longo da súa cadea de valor move arredor de 2.200 M€ anuais e dá emprego a 70.000 persoas. E, en 2019, as solicitudes de corta en Galicia chegaron aos 9,5 millóns de metros cúbicos, alcanzando un novo récord.

Ademais dos fondos Next Generation, Feijóo aseverou que a Goberno galego seguirá apostando por este sector achegando ferramentas como o novo Plan Forestal, que está previsto que entre en vigor no primeiro semestre do 2021, con fin de marcar as directrices de xestión dos montes galegos durante os próximos 20 anos.

“E nos Orzamentos para o ano 2021 destinaremos só para planificación e ordenación do monte 54,2 M€, un 14% máis que en 2020”, dixo. Estes presupostos sumaranse a outros que redundarán tamén en beneficio do sector forestal, engadiu, adiantando tamén que, nas vindeiras semanas, se aprobará no Consello da Xunta a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia.