Ourencanto

IV Encontro de Coros Infantís, Xuvenís e Escolares

Estudantes de vinte centros educativos da provincia e doutros puntos de Galicia daranse cita no Auditorio municipal entre os días 22 e 24

Óscar Gómez

Ourense | 20.04.2022 10:25

IV Encontro de Coros Infantís, Xuvenís e Escolares
IV Encontro de Coros Infantís, Xuvenís e Escolares | onda cero

César Fernández, que puxo de relevo “a colaboración entre as institucións que arrimamos o ombreiro para que este evento sexa un éxito”, destacou a filosofía dunha actividade “que trata de unir e harmonizar á infancia e á mocidade a través da música e, nomeadamente, do canto”, subliñando que tamén se promoven valores “como a equidade, a inclusión e a convivencia, pero cunha vertente formativa e educativa moi importante”.

Na mesma liña pronunciouse Armando Ojea, que destacou as oportunidades que ofrece o canto en grupos ou coros “á hora de aprender a solidarizarse, a respectar os demais e a traballar en equipo”. Unha vertente que Judith Fernández ampliou “ao campo da conservación das nosas tradicións e do noso patrimonio cultural a través dunha actividade enriquecedora para os rapaces e rapazas”.

Ourencanto crea tendencia, dixo pola súa banda Carlos Núñez, con actividades semellantes que xa xurdiron en Burgos, en breve tamén en Tenerife e con moitos seguidores a nivel internacional en países de fala hispana e inglesa, “polo que cremos que o obxectivo que mos marcamos cando empezamos a traballar está sobradamente cumprido”.

Carlos Núñez tamén defendeu o canto coral “como unha axuda extraordinaria na formación educativa e cultural, que potencia a capacidade de expresión e a convivencia”, mantendo a súa aposta por conseguir “que cada centro educativo poida chegar a ter o seu propio coro, como ocorre na maioría dos países de Europa que hoxe son punteiros en educación é cultura”.

Baixo a dirección artística do compositor Josu Elberdin, transmitido a través das redes sociais e “con moitas sorpresas”, o encontro inclúe sesións formativas nas xornadas do venres, sábado e domingo, ademais da interpretación de cancións de diversos estilos e a estrea dunha obra composta por Elberdin para Ourencanto, en base a unha poesía do pedagogo e poeta ourensán Albino Núñez.