A Deputación de Ourense vai participar no plan de innovación “5G-allaecia” para impulsar a implantación desta tecnoloxía na provincia e no norte de Portugal, nunha iniciativa transfronteiriza “que se convirte no primeiro resultado tanxible da recen finalizada Mobile Week Ourense”, afirmou Manuel Baltar trala sinatura dun convenio de colaboración no que tamén estamparon a súa rúbrica o administrador da Asociación Empresarial de Portugal, Paulo Vaz, e o director internacional de Red Mundo Atlántico, Juan Carlos Piñeiro.
Manuel Baltar expresou a súa satisfacción por un acordo que demostra “a repercusión que ten na sociedade un evento tecnolóxico das características da Mobile Week, o que nos vai permitir seguir avanzado no obxectivo de converter a provincia nun territorio intelixente”. Un proceso de transformación dixital “que non entende de fronteiras e no que o traballo en rede axudaranos a ser máis competitivos no ámbito económico, pero tamén beneficiar ao conxunto da poboación que reside na área transfronteiriza máis extensa entre España e Portugal, conservando ao mesmo tempo os lazos históricos e culturais que nos unen”.
O plan “5G-allaecia” ten como obxectivo fomentar a colaboración público-privada para facer fronte á transformación dixital que supón a implantación do 5G, que terá un impacto que vai máis aló do mero cambio tecnolóxico nas redes e infraestruturas de comunicación móbiles, con consecuencias na economía e na sociedade, ademais dun aumento sen precedentes no número de dispositivos conectados, no volume de transferencia de datos e na capacidade de xestión remota en tempo real.
O convenio tamén procurará a implicación da sociedade, as universidades e as administracións na aplicación práctica desta quinta xeración nas comunicacións móbiles, así como tamén o fomento neste campo do I+D+i entre as empresas tecnolóxicas.
A Deputación de Ourense, a Asociación Empresarial de Portugal e Red Mundo Atlántico tamén se comprometen a estudar a captación de fondos públicos e investimento privado para o desenvolvemento destes obxectivos, sen esquecer accións de promoción para dar a coñecer este plan entre a poboación dos territorios implicados.