Xunta de goberno

A Deputación destina máis de 430.000 euros a emprego e cooperación

A xunta de goberno da Deputación de Ourense, aprobou a concesión de máis de 430.000 euros en subvencións que irán dirixidas aos ámbitos do emprego, cooperación cos concellos e entidades.

Óscar Gómez

Ourense | 09.11.2021 09:35

A Deputación destina máis de 430.000 euros a emprego e cooperación
A Deputación destina máis de 430.000 euros a emprego e cooperación | onda cero

En materia de cooperación coas entidades locais, na orde do día figuraba a aprobación dunha axuda de 50.000 euros a favor da Mancomunidade de municipios da comarca do Carballiño para gastos de funcionamento; 73.000 euros ao Concello de Allariz para cofinanciar un proxecto do IDAE de eficiencia enerxética; preto de 20.000 euros para Avión con destino á instalación dun areeiro; 8.000 euros a Cartelle para o Trofeo Internacional de Fútbol Sala feminino; e 54.000 euros a Muíños para a mellora da pasarela do complexo turístico e deportivo do Corgo. Ademais, o Concello de Paderne de Allariz recibiu o visto bo a dúas achegas de 48.000 euros cada unha delas para o saneamento nas inmediacións do antigo centro de saúde e no lugar de Batoca, así como para o remate dos vestiarios do campo de fútbol; Riós disporá de case 10.000 euros para a mellora do abastecemento de Za; e San Cristovo de Cea contará con 25.000 euros para a reparación e mellora da depuradora de augas pluviais do núcleo de Cea.

A Xunta de Goberno tamén concedeu dúas subvencións dentro do programa “emprendOU” para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. As achegas, cun valor máximo cada unha delas de algo máis de 8.500 euros, terán como beneficiarios dous proxectos relacionados coa construción e servizos de estética a desenvolver nos concellos de Ramirás e Celanova. Por último, sinalar ademais a aprobación dunha axuda de 80.000 euros a favor da Fundación Hospital Asilo Nosa Señora dos Anxos, para gastos de funcionamento.