Ourense Cidade

O PP critica que non se ofreceran solucións reais de conciliación ás familias durante a Semana Santa

Os populares subliñan que esta forma de gobernar contrasta co traballo que se desenvolve desde a Xunta de Galicia, que conta cunha estratexia integral para apoiar ás familias e facilitar a conciliación.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Noelia Pérez, concejala do Partido Popular no Concello de Ourense
Noelia Pérez, concejala do Partido Popular no Concello de Ourense | Onda Cero Ourense

O Grupo Municipal Popular no Concello de Ourense denuncia o “fracaso absoluto” do programa Concilia Arredor, anunciado polo goberno municipal para a Semana Santa como unha iniciativa para favorecer a conciliación das familias. Nese senso a concelleira popular Noelia Pérez sinala que o programa “acabou sendo un engano máis para moitas familias que confíaban en poder contar cun recurso que lles permitira organizar o coidado dos seus fillos durante as vacacións escolares”.

“Estamos ante o exemplo perfecto do que vén sendo habitual no Concello: moito anuncio e moita propaganda pero ao final cero solucións reais para os problemas dos cidadáns”, crítica a edil.

Desde o Partido Popular lamentan, en primeiro lugar, que o programa non cubrise todos os días das vacacións escolares, polo que non ofrecía unha resposta real ás necesidades das familias. “A conciliación non se pode vender a medias: ou se garante ou se abandona a quen máis a necesita”, advirte a popular.

A concelleira denuncia tamén a “absoluta falta de difusión” da iniciativa, que provocou que moitas familias nin sequera coñecesen a súa existencia. “Se houbese unha mellor xestión e unha difusión axeitada, seguramente a demanda fora maior”, apunta. Pero, segundo explica o PP, o máis grave é que nin sequera foron capaces de se xestionar o pouco que puxeron en marcha, con cancelacións sen aviso, desorganización total e un desprecio absoluto polas familias e polas asociacións veciñais onde se iban a realizar esas actividades.

A situación foi especialmente preocupante no caso de Seixalbo, pois había máis de quince nenos inscritos e, aínda así, a actividade cancelouse sen explicacións. “Isto demostra unha falta absoluta de organización e de respecto cara ás familias e cara ao tecido veciñal”, crítica a edil.

Para o Grupo Municipal, esta situación non responde a un erro puntual, senón a unha forma de gobernar baseada “na improvisación, na desorganización e na falta de planificación”. Desde o PP subliñan que esta forma de gobernar contrasta co traballo que se desenvolve desde a Xunta de Galicia, que conta cunha estratexia integral para apoiar ás familias e facilitar a conciliación.

“Mentres no Concello improvisan e fallan, a Xunta leva anos aplicando medidas con nome e con resultados que realmente axudan ás familias”, destaca a concelleira. Entre estas iniciativas, os populares lembran a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, unha medida pioneira que permite aliviar a economía das familias e facilita a conciliación desde as primeiras etapas. E o Bono Concilia, que ofrece apoio económico directo para o coidado de menores, permitindo que cada familia adapte a conciliación ás súas necesidades.

Ademais, a Xunta reforza a conciliación nos períodos non lectivos con programas e campamentos durante o Nadal, a Semana Santa e o verán, cubrindo precisamente aqueles momentos nos que as familias máis o necesitan.

“Programas como Corresponsables ou iniciativas como as Casas Niño no rural demostran que cando hai planificación, vontade política e unha estratexia clara, é posible ofrecer recursos útiles ás familias. Mentres uns improvisan, outros traballan con planificación e con medidas que si dan resultados”, conclúe Noelia Pérez.