Ourense Provincia

A Deputación de Ourense impulsa a provincia a través de “La Vuelta Femenina”

Ourense volverá a ser unha das protagonistas desta carreira coa celebración da segunda etapa desta competición que discorrerá entre Lobios e San Cibrao das Viñas, o vindeiro 4 de maio.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Deputación de Ourense impulsa a provincia a través de “La Vuelta Femenina”
A Deputación de Ourense impulsa a provincia a través de “La Vuelta Femenina” | Deputación de Ourense

Trátase da etapa 2 desta carreira española, a máis importante do calendario ciclista feminino, que se disputará o vindeiro 4 de maio entre Lobios e San Cibrao das Viñas, pasando por Muíños, Bande, Verea, Celanova, Outomuro, As Maravillas, A Manchica, A Merca e Taboadela.

“109 km con selo ourensán de pura adrenalina, un luxo para os nosos territorios, un espectáculo para os afeccionados e un reto para as deportistas”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, durante a presentación deste evento deportivo, hoxe no Pazo Provincial, acompañado polo vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández; e polo director xeral de Unipublic, Javier Guilén, xunto a representantes institucionais dos diferentes municipios polos que transcorre a proba.

Esta aposta polo deporte desde a Deputación é, neste caso, un compromiso tamén coa igualdade que se materializa colaborando con esta competición que permitirá “ensinar ás mozas ourensás como deportistas de élite protagonizan esta proba de primeiro nivel inspirando a moitas delas a romper ese teito de cristal no deporte e na vida”, expuxo o presidente provincial.

A Deputación de Ourense impulsa a provincia a través de “La Vuelta Femenina”
A Deputación de Ourense impulsa a provincia a través de “La Vuelta Femenina” | Deputación de Ourense

Impacto mediático, promocional e publicitario da provincia

Ourense non só será escenario, senón tamén protagonista da carreira, grazas ao impacto que terá a nivel mediático, promocional e publicitario acollendo esta etapa. Tamén supón un “importante retorno económico e de promoción turística para a nosa provincia” porque enche hoteis, dinamiza o comercio local e pon nome a moitos dos territorios ourensáns na prensa internacional, engadiu o presidente da Deputación.

Ademais, acoller este tipo de eventos, contribúe a proxectar esa “imaxe de provincia termal”, xa que esta segunda etapa sae de Lobios e chega a San Cibrao, “dous elementos fundamentais do noso territorio”, salientou Luis Menor.

En canto a esta competición, Javier Guillén dixo que se trata dunha das grandes carreiras do calendario deportivo feminino internacional” e que destaca pola súa “extraordinaria calidade”. Neste sentido, sinalou que é a que “máis diñeiro dota en premio de calquera outra careira que se faga en España en sete días, tanto de homes como de mulleres”, precisamente porque queren establecer ese concepto de “calidade” nesta proba.

Ademais, Guillén lembrou que o ano pasado “La Vuelta Femenina” xa estivo en Ourense, concretamente, coa saída dunha das etapas no Barco de Valdeorras sendo “unha das máis vistas” desta competición dese ano.