Infraestructuras

Cortes na autoestrada AG-53 entre Dozón e San Cristovo de Cea

A Xunta está a executar o acondicionamento do firme desde o punto quilométrico 56+320 ao 74+200 da autoestrada, cun investimento duns 4,8 millóns de euros

Óscar Gómez

Ourense | 07.09.2020 11:50

Cortes na autoestrada AG-53 entre Dozón e San Cristovo de Cea
Cortes na autoestrada AG-53 entre Dozón e San Cristovo de Cea | onda cero

O avance nas obras de renovación do firme na autoestrada AG-53, entre Dozón e San Cristovo de Cea, fará necesarios cortes de tráfico no tronco e no enlace de Piñor desde o luns ata o venres.

En concreto, cortarase a calzada dereita da autoestrada, en distintos puntos do tramo obxecto das obras, o que será sinalizado coa antelación necesaria. Neste caso, realizarase un desvío do tráfico polo carril esquerdo da calzada contraria, entre o luns e o mércores. Os peches de tráfico nos ramais de entrada e saída do enlace de Piñor, en sentido Ourense, prolongaranse desde o luns ata a mediodía do venres.

Estes cortes son necesarios para avanzar na mellora do firme que está a acometer a Xunta nesta autoestrda, desde o punto quilométricos 56+320 ao 74+200, cun investimento duns 4,8 millóns de euros. No marco desta intervención, as citadas restricións na circulación son precisas para poder avanzar na extensión da capa de rodadura, que debe realizarse a calzada completa.

Os traballos consisten na reparación de danos superficiais na estrada, no fresado de taboleiros de pasos de vigas e na reposición do firme en todo o tronco da vía e nos ramais do enlace de Cea. Tamén se levarán a cabo o repintado de todas as marcas viarias do tronco e dos ramais da autoestrada e a reposición de captafaros e elementos de balizamento.

Esta intervención está enmarcada no mantemento das estradas autonómicas de titularidade da Xunta co fin de garantir a seguridade viaria e mellorar a mobilidade na comunidade. A actuación foi autorizada no Consello de Administración da Sociedade Pública de Investimentos (SPI), adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.