A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, puxo en valor a cooperación e o intercambio de coñecementos coa Rexión Norte de Portugal na xestión dos espazos naturais protexidos no marco da IV Xornada técnica transfronteiriza Gerês-Xurés, que se celebrou no centro de visitantes do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Nesa liña, a directora xeral indicou que a condición de reserva de biosfera transfronteiriza ofrece a oportunidade única de “construír modelos de xestión compartidos” que garantan unha conservación máis eficiente destes espazos naturais. De feito, na xornada que se celebra hoxe abórdanse diversos aspectos de grande interese para coñecer mellor o funcionamento destes ecosistemas e para avanzar cara a modelos de xestión máis eficientes e sostibles, que garantan a preservación da biodiversidade así como un desenvolvemento respectuoso co medio ambiente.
En concreto, trátanse cuestións relacionadas coa posta en valor do patrimonio xeolóxico, a restauración de hábitats, o seguimento de especies como o lobo ou estratexias de prevención e análise das causas dos incendios forestais. Ademais, tamén se analizará a presentación dun novo proxecto ao Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) co obxectivo de dar continuidade ás liñas de actuación xa determinadas e consolidar a folla de ruta común para a xestión sostible deste territorio transfronteirizo.
A maiores, tamén se abordarán iniciativas enfocadas á innovación dixital. Neste punto, Marisol Díaz fixo fincapé en que a Xunta está a ultimar o proxecto de museo virtual do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, logo de que se puxese en marcha o do Parque de Corrubedo. Será así o segundo espazo protexido que conte con esta experiencia interactiva que pretende achegar o patrimonio ambiental e cultural á cidadanía a través das novas tecnoloxías.

