Empleo

Convocatoria de novas accións formativas para persoas desempregadas

O programa, que incrementa o seu orzamento nun 12% ata os 50 millóns, irá este ano dirixido unicamente á impartición de competencias clave e especialidades vinculadas á obtención de certificados de profesionalidade.

Óscar Gómez

Ourense | 26.05.2022 09:54

Convocatoria de novas accións formativas para persoas desempregadas
Convocatoria de novas accións formativas para persoas desempregadas | onda cero

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou na clausura da asemblea xeral da Asociación Galega de Empresas de Formación (Cecap-Galicia) as novidades máis salientables da convocatoria autonómica de axudas deste ano para a realización de cursos de formación dirixidos a persoas sen emprego. A orde, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a vindeira semana, incorpora novos criterios atendendo ás recomendacións técnicas do Observatorio de Emprego e do grupo de análise e modelización da Universidade de Santiago.

A iniciativa, cun orzamento de 50 millóns de euros (+12% con respecto á convocatoria anterior), priorizará a formación en sectores con maiores perspectivas de traballo, en concreto faise unha reserva orzamentaria específica do 40% para os cursos que poñan o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego. Ademais, darase especial relevancia aos cursos de formación en sectores máis innovadores para tratar de anticipar a formación ao novo modelo produtivo; e a oferta de accións formativas dará prioridade ás persoas desempregadas con baixa cualificación.

Con respecto ás especialidades con maiores perspectivas de traballo, Lado destacou que a Xunta priorizará a aquelas que nos últimos anos tiveron máis de 100 demandas de servizos por parte das persoas desempregadas, facéndose fincapé, deste xeito, en materias vinculadas á Industria 4.0, ás competencias dixitais e á formación en áreas que demandan man de obra, entre outras: atención sociosanitaria, instalacións solares, socorrismo e salvamento, xestión contable ou restauración.

Outra das novidades é que os cursos que se impartan co apoio económico da Xunta terán que referirse en exclusivo a competencias clave e especialidades vinculadas á obtención de certificados de profesionalidade. A actual convocatoria ofrece como novidade tamén un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.

Nos cursos serán colectivo prioritario as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poderán tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.

Axenda das Capacidades

A directora xeral tamén sinalou na clausura da asemblea a importancia da Axenda Galega das Capacidades para o Emprego da Xunta, na que Cecap colaborou de xeito activo, xa que explicou que é unha planificación deseñada entre todos os axentes “coa mirada posta nas persoas: elas como protagonistas do proceso formativo”, informou. A Axenda é, segundo Lado, unha vía para a empregabilidade e a prosperidade; para conseguir empregos de bo nivel; e para que cada persoa poida desenvolver plenamente o seu potencial, de forma proactiva. A iniciativa busca como reto principal axustar a oferta á demanda incidindo na importancia “dunha formación constante nunha contorna que non para de transformarse”, engadiu.

Para rematar, Lado referiuse ao Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación da formación polo emprego en Galicia, realizado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, unha análise sobre as cualificacións profesionais necesarias para facer fronte aos empregos do futuro, que está a permitir, en palabras da directora xeral, “anticiparnos aos requirimentos formativos do novo escenario laboral”. Tamén destacou o campus virtual de formación para o emprego, unha plataforma de teleformación a disposición das entidades de formación acreditadas e dos centros de formación da Consellería. “A iniciativa autonómica pon de relevo ata que punto os sistemas formativos souberon aproveitar as vantaxes da dixitalización, sendo pioneiros en aplicar estes grandes cambios tecnolóxicos”, concluíu.